Consumo gusto, en galego

onsumo gusto, en galego. Velaquí un lema que ben podería empregarse en dúas amábeis campañas a favor do uso da nosa lingua que están a desenvolverse arreo do país, petando na responsabilidade que afecta ás institucións públicas no proceso de normalización do idioma; e tamén polo que atinxe ao compromiso individual que facilita esta labor na vida cotiá. Nun dos casos, trátase do pedimento que se fai á Xunta de Galicia para que asuma o financiamento, ben barato por certo a respecto doutros que se fan habitualmente, de xeito que como sucede nos casos vasco e catalá, os filmes e series que ofertan as plataformas de televisión dixital sexan dobradas ao galego ou leven subtítulos e lenda na lingua galega. Para iso, da iniciativa da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, en parcería coa Mesa pola Normalización Lingüística e máis APRADOGA, a Asociación de profesionais da rama artística de dobraxe de Galicia, convidan a subscribir un pedimento ao Goberno Galego para que este acorde formalizar o acordo que lle ofrece unha das canles de máis grande número de cliente usuarios para o que demandan menos de sesenta e dous mil euros anuais, nun convenio a tres anos, que resultan difícil de asumir, e menos de entender, que non se teña realizado xa con anterioridade.
Lémbrese que, por mandado legal da Lei de Normalización Lingüística, establécese pada o poder político galego a obriga de “fomentar a produción, a dobraxe, a promoción dos subtítulos e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega”. Certo é que, na practica, cada ano vén a reducirse máis a dotación orzamentaria para a dobraxe coa mágoa de non atopar, no mercado audiovisual, filmes que teñan versión na lingua do pais para súa escolla e selección.
Resultando un práctica, cada vez máis estendida aínda que condicionada polo momento económico soportan as e os traballadores ou ás  sociedades mercantís, neste tempo que precede ás Festas de Nadal son frecuentes os xantares e ceas de “empresa”; e dicir, o momento de xuntar ás persoas que forman o cadro de persoal arredor dun menú que é, tamén, ocasión para que se potencie outra das campañas a favor do galego; neste caso convidando ao consumo de produtos que teñan a súa etiquetaxe na lingua galega. Produtos da terra, do sector agroalimentario galego que ten demostrado estar ao máis alto nivel respecto da calidade e seguridade alimentaria dos produtos que ofrece no mercado. Un consumo que potencia a nosa economía e garante postos de traballo aquí, entre nós. Iso é o que nos propoñen dúas entidades que forman o proxecto de “Galeguizar Galiza”; e dicir, o Foro Enrique Peinador e máis o IEGADE. 
Cando temos opción de escoller, podemos optar por aqueles produtos galegos que ademais utilizan unha lingua que queremos manter viva. En galego, consumo gusto. Faltaría máis.

Consumo gusto, en galego

Te puede interesar