A plataforma Queremos Galego afirma que a demanda de galego “aumenta” en todos os ámbitos da vida, pero “non só non é atendida senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen precisamente ten a obriga legal do contrario, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, engade. De feito, está recollendo sinaturas para impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que inste ao goberno galego a garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, no comercio e a industria, porque hai “unha actitude laxa” por parte da administración e “unha falta de empuxe á hora de regular e estimular o seu emprego”, explicou o responsable do BNG no Salnés, Manuel Domínguez.
Autobuses para o 17 de maio
A plataforma cidadá está formada por esta organización política e ata 500 colectivos sociais como a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG. Os seus membros na comarca arousana estiveron onte na Praza de Galicia recollendo apoios para a ILP, para a que están preto de alcanzar as 10.000 sinaturas mínimas precisas para presentala. É máis, segundo Domínguez, “superaranse amplamente” porque a iniciativa “está tendo unha boa acollida”. Tamén aproveitaron para convocar á cidadanía á manifestación do 17 de maio en Compostela en favor da lingua galega.
Este habilitarase un autobús dende Vilagarcía para asistir e os interesados poden anotarse nos números de teléfono 986 565 059 ou 986 505 323. Tamén pode solicitarse máis información en queremosgalego.gal.
O lema da convocatoria deste ano é “en galego sen límites” e a plataforma pretende “pór en evidencia os obstáculos para vivir en galego e a necesidade de superalos colectivamente”. A saída terá lugar ás 12 horas dende a Alameda. l