“O noso é o rock and roll pero como dicimos ‘jaliña’ ou cortello xa nos encadran no enxebre”

“O noso é o rock and roll pero como dicimos ‘jaliña’ ou cortello xa nos encadran no enxebre”
Diario de Arousa-2016-03-11-009-61d002e4_1

Todas as bandas teñen unha orixe humilde. A de Noite Fechada comezou cuns “leggins” do rei dos saldos, o Primark, pero cunha boa base musical do mellor do rock de todos os tempos e falando de galpóns, noites memorables nas festas da aldea e temas tan próximos á vida cotiá de calquera mozo da comarca, máis unha estética tan radical, que rapidamente o que naceu como unha forma de divertirse instrumento en man púxose serio. Tres anos despois sacan primeiro disco: Con-visión de festas, coa novidade de temas propios, estética renovada e colaboracións de luxo de Antonio Novo (Tucho) de Heredeiros da Crus, e Susana Saavedra e Paula Rego, de Agoraphobia. Non obstante, manteñen o seu espírito e que xuran, Noite Fechada nunca perderá, e aínda que as súas inquedanzas van máis alá e por separado experimentan con outros estilos e bandas. O álbum xa está en internet, pero quen opte polo formato físico “levará algunha sorpresiña”. Son Carmelo Abollo, Gustavo Rey, Nolo Chazo e Matías Leiro e hoxe ás 22:30 horas presentan o disco no seu cuartel xeral, o bar Encontro, en Barrantes.
 
Primeiro disco con dous “clásicos” e 9 temas propios, algo nunca visto. A que se debe? 
Carmelo Abollo: Se queremos entrar en determinados festivais non nos collen con versións, aparte temos a inquedanza de crear cancións e queremos sacalas á luz.

Algún atrevemento máis? 
Matías Leiro: Atrevemento? Bueno, empregamos a unha personaxe famosa, pero as letras van na mesma liña, coñeras con algunha reivindicación. O atrevemento vén á hora de vestirnos que somos uns cafres.

Hai unha colaboración de Tucho, non se lle saltaron as bágoas? Sodes uns dignos sucesores de Heredeiros da Crus 
Gustavo Rey: Estaba moi contento de colaborar e sorprendeunos. Comentámoslle se nos podía botar unha man e aceptou. Ao principio era cantar a dúo con Matías, pero no estudo colleu a guitarra, meteu uns arranxos e quedou ben. Víaselle involucrado.

Non vos dixo que lle recordaba ao seu estilo? Porque a verdade é que recorda … Ou non vos gusta a comparación? 
M.L.: As comparacións sempre son odiosas, pero é certo que temos unha influencia clara da música enxebre, bravú. Dixo que lle gustaba moito a canción e o noso estilo, pero non que nos pareciamos a eles. No noso caso, tal e como imos aos concertos temos que ter pouca vergoña e gústanos rirnos de nós mesmos.

Nolo Chazo: Antes botábanlle máis narices e se falaban mal, falaban mal. Nós empezamos para pasalo ben –incluso tocabamos bastante cargados– que sigue sendo o obxectivo, pero como vimos que o público nos correspondía empezámolo a facer máis en serio. 

Unha vez pedíusevos que resumirades Noite Fechada nunha palabra e algún dixo festa. Isto é serio? 
C.A.: Festa formal. Para dar un concertó tes que estar en condicións, non podes ir como un polbo, porque non vas dar a talla. A festa facémola igual e incitamos a todos a que se rían de nós.

Xa van tres anos dende a vosa estrea. Que vedes cando mirades atrás? 
M.L.: Hai luces e sombras. En xeral, moito optimismo. Empezamos como algo para pasalo ben, moi “hobby”, e agora tomámolo un pouquiño máis en serio. Á xente gústalle, goza dos nosos temas e iso dá ánimos para seguir. E en material comezamos con catro cachifallos, como un “ampli” Behringer que comprou Gustavo e que cheiraba a fume cada vez que dabamos caña. 

C.A.: Recordo a un tipo que levaba 4 meses (Gustavo) tocando o baixo e dou un primeiro conciertazo. Moita mellora en xeral.

As letras son festivas, divertidas, frescas, pero nótase que hai un importante traballo detrás. De onde sae esa inspiración, non será do Barrantes? 
M.L.: Das experiencias propias esaxeradas, adulteradas e simplemente con imaxinación. Ao mellor estás na casa e poste a falar de calquera cousa e pensas que daí saería un bo tema. 
C.A.: Non saen do Barrantes, non cando estamos de festa. De feito, a maioría das veces o mellor momento para compoñer é pola mañá, estás máis lúcido.

G.R.: No meu caso, todas as letras que escribín foi de resaca no tren, cando ía ou volvía da Coruña, onde estaba estudando.

N.C.: Pero sempre con respecto ao público.

Hai documentos gráficos que amosan que en tempos usaban pantalóns, pero a falda entrou no voso vestiario para non saír. Parte do voso éxito pode estar nas vosas pernas ou é como un amuleto? 
G.R.: É unha garantía de triunfo (ri). Levabamos dous anos raiando co mesmo e como nos iamos poñer en serio co disco, demos un xiro de 180 graos en todo: música, estética, vestimenta e daí ben o tema de facer traxes.

Que consideración ten a música enxebre no ámbito profesional?
M.L.: Está un pouco desprestixiada porque xa hai moito. Os Heredeiros e cada grupo que saía parecía que era enxebre. O noso é rock and roll con letras coñeras, pero non tan bravú.

C.A.: Non metemos nin pandeireta nin gaita. O que pasa e que como dis alpendre, jaliña ou cortello xa che encadra no enxebre.

G.R.: Dende os Heredeiros,  que se creou a etiqueta do bravú, e dende antes…. 

N.C.: Dende que as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas (interrompe).

G.R.. Pois si. Parece que todo o que se faga cunha guitarra eléctrica, unha batería e que se cante en galego é bravú. Pero esta é música máis “punkarra”.

N.C.: É moito máis reivindicativo.

Este verán enchestes Fefiñáns, o próximo escenario soñado? 
Matías: A sala Capitol. 

Manuel: Fefiñáns outra vez.

“O noso é o rock and roll pero como dicimos ‘jaliña’ ou cortello xa nos encadran no enxebre”

Te puede interesar