Clásicos da música galega como “Quen puidera namorala” ou “Aí ven o maio” soaron onte con forza en Carril, onde Luis Emilio Batallán contou co apoio dun público nutrido e entregado. Aínda que a actuación non se puido celebrar na Praza da Liberdade, tal e como estaba previsto, por mor da choiva, e trasladouse para o salón do Gato Negro, a asistencia foi plena. Entre o público estaban o alcalde, a edil de Cultura e outros membros do goberno, que non quixeron perderse a actuación do primeiro “superventas” galego.
Batallán non decepcionou cun concerto integramente na lingua que onte celebraba o seu día. Música e verbas combináronse nun concerto no que Batallán conectou co público, especialmente entusiasta cos temas máis coñecidos do autor compostelán.
Ademais de Cunqueiro e Curros Enríquez, Batallán tamén cantou a autores coma Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro. A escritora de Padrón recibiu así unha dobre homenaxe, xa que minutos antes de que comezase o concerto tivo lugar a ofrenda floral no busto situado nas inmediacións do Gato Negro.
Os actos das Letras Galegas concentráronse, na mañá do seu día grande, na vila carrilexa. Xa pola noite trasladouse a actividade ao Salón García onde, da man do cineclube Ádega, proxectouse o documental “Os días afogados”, baseado no asolagamento das aldeas de Aceredo e Buscalque debido á construción do encoro de Lindoso, en Portugal. Trala proxección houbo un coloquio cun dos directores do filme, César Souto Vilanova. As celebracións continuarán hoxe, cunha obra de teatro adicada a estudantes de Bacherelato, e mañá, cunha homenaxe a Casares.