Concellos, entidades culturais, museos, centros educativos e institucións de toda Galicia celebraron onte o Día de Rosalía, na xornada que se cumpre o 179 aniversario do nacemento da escritora galega, con distintos actos nos que reivindicaron a súa figura como “referente necesario” na busca de “dignidade” para a lingua e a cultura galegas.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, abriu o día cun acto de homenaxe na Alameda de Santiago de Compostela, no que se depositou unha coroa de loureiro na estatua que recorda a Rosalía.
O acto contou coa participación de representantes de todos os grupos do concello compostelán, o alcalde, Martiño Noriega, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Así mesmo, xunto á música das gaitas, nenos do Instituto Rosalía de Santiago leron poemas da autora.
Durante a homenaxe, Angueira destacou que Rosalía de Castro “segue viva” a día de hoxe en ámbitos como o mundo académico, o mundo escolar, as artes plásticas ou a creación musical e reivindicou a vixencia do seu “proxecto”.
“Con Rosalía naceu a esperanza nunha Galicia libre e digna, que quere dignidade para o seu pobo, para a súa cultura e, sobre todo, para a súa lingua”, resumiu Anxo Angueira.
Na mesma liña, o alcalde de Santiago fixo fincapé no “espazo de incomodidade” que Rosalía de Castro “habitou” para o seu tempo, con respecto ás “posicións” que adoptou “como muller” e como escritora.
Martiño Noriega destacou que a autora “se reivindicou como muller libre” e mantivo o seu “compromiso coa lingua” nun “momento moi complicado e moi difícil”. n