Reportaxe | Douscentos anos do San Fidel, o mártir máis venerado polos carrilexos

Reportaxe | Douscentos anos do San Fidel, o mártir máis venerado polos carrilexos
As carreiras de sacos eran algúns dos xogos populares con motivo do San Fidel | cedida josé luis mulet

Hai dúas citas festivas marcadas a lume no calendario de todas as familias carrilexas. A primeira é o Santiaguiño e a segunda o San Fidel, as dúas representacións máximas da tradición e da alma do pobo de Carril. É precisamente este ano cando esta localidade vilagarcián conmemora o bicentenario da celebración do San Fidel, o mártir cuxos restos chegaron a Carril no século XIX da man de Simón Álvarez Robés, un veciño que destacaba xa por aquel entonces pola súa actividade comercial.


Recorda e documenta José Luis Mulet Rodríguez que Álvarez Robés chegou a ser un “poderoso y rico comerciante” e que tivo que levar a cabo un “amplio y difícil trabajo” para conseguir traer a Carril os restos de San Fidel. O pobo non o defraudaría e premiaría con entrega e devoción os seus esforzos.


Un pobo volcado na festa
Dende os inicios, recorda Mulet, a festa do San Fidel tivo un apoio impresionante por parte do pobo de Carril e tamén por xente que se achegaba ao templo en peregrinación para asistir aos actos litúrxicos e tamén máis profanos. De feito os visitantes chegaban incluso a véspera, para ir tomando descanso tanto nas escaleiras como no adro da igrexa. A música da banda empezaba a soar ás seis da mañá dando inicio a unha xornada intensísima.


A maiores o San Fidel non podería entenderse sen os seus xogos populares, que implicaban a todo o pobo nunha competencia sana e divertida. Botes de vela de catro e seis remos, as cucañas marítimas e terrestres e diversións tales como as carreiras de sacos, a carretilla e un sinfín de iniciativas máis están na memoria de todos aqueles que foron nenos e mozos en Carril nestes últimos douscentos anos.


Lembra Mulet que os carrilexos incluso se preparaban dende semanas antes para gañar nos remos e que, ao final, había diversidade de opinións respecto dos gañadores que na meirande parte dos casos chegaban moi pegados á liña de meta.
Detrás de todas as celebracións de San Fidel había un gran traballo capitaneado polas diferentes e sucesivas comisións de festas. En ocasións formábanse tarde e a última hora e en máis dunha edición colleron as rendas da festa a Sociedad Recreativa "La Tertulia de Carril" (máis tarde Club Recreativo Carril) ou incluso o Círculo Gato Negro.


San Fidel, "san Fideliño" para os carrilexos, bebeu en diferentes ocasións de grupos entusiasmados de mozos que querían por todo o alto manter a cita no calendario festivo e que siguen con esa idea en mente. Este ano non será diferente e haberá un San Fidel 2017. E por 200 festas máis.

Reportaxe | Douscentos anos do San Fidel, o mártir máis venerado polos carrilexos

Te puede interesar