Como din, cando está de saír mal, sae mal e punto. Así están pensando esta semana en Génova 13 e tamén en outros cuarteles xerais de outras cores. No relativo a Cataluña, xa vemos como dende os estados socios europeos, Alemaña e Escocia, están emendando a plana xuridicamente a todos eses “homes de estado” que estaban a punto de facerse o seppuko pola grande afrenta do proceso catalán. Os mesmos que, seguindo unha mala versión de “el arte de la guerra” desbotaron calquera posibilidade de negociación, finiquitando a bilateralidade. Cada día están máis cerca de ter que aplicar o Hagakure, se fosen dignos e valentes, que non o son, son tramposos e torticeiros. Queda camiño de desgustos neste conflito para o bloque conformista coa constitución, imos vendo. Para acabar rematando nun acordo que podía ter xa meses de percorrido e que serguro era bon para todos.
En Genova 13, teñen un problema cos titúlos, están enfadados con Ikea. Mercas un marco de oferta e pensas o que pode quedar ben, pois un máster que sempre viste, e ó final acaba nunha apertura de dilixencias pola fiscalía, iso si despois de unha serie de comparecencias dignas do cine de humor francés. Aínda que coido que onde máis preocupa isto é na sede da rúa Alcalá, esa de cores laranxas, no tema de Cifuentes van ter que posicionarse.
Mentres en Galicia os conselleiros, piqueta na man, están anunciando a construción de fragatas en Ferrol, como se os orzamentos de M. Rajoy non tivesen que ser aprobados, que cara máis dura. Menos mal que algúns comprometidos con Galicia foron a Bilbao falar das fragatas co PNV, que son os que mandan, e seguro que o Comité de Navantia coñece quen move ficha, imos vendo.
Valle Inclán estaría disfrutando con este esperpento, a realidade supera a ficción: Parlamentos sen prazos, políticos en cadea, Estados corrixindo ó reino de España, títulos que non son, firmas que non son, grandes de España pedindo señoríos contrarios a lei, reinas a salario público enfrontadas, bandeiras a media asta na semana santa, conselleiros soldadores, conselleiros contrapiquetes en folgas, escacha retrovisores aforados, dimisións que non chegan, aves que non chegan e socialistas con fotos de Kennedy no despacho como exemplo de “Somos la izquierda”. Como di alguén que coñezo, imos morrer todos.
Menos mal que a xente ten sentidiño e debemos traer dignidade á política, a ver se somos quen de levalo á práctica entre todos e todas, Galicia precísao.