Unha mensaxe real...

Se hai uns días nos referiamos nesta xanela aberta á opinión á campaña da vieira como o inicio oficial das Festas de Nadal, teño que referenciar como outro clásico destas datas tan sinaladas a mensaxe de El Rei. Ata hai uns anos estaba protagonizado por Don Xoán Carlos I e agora tócalle o turno ao seu fillo Filipe VI.
Antes, e tamén agora, esta alocución víñase a converter nun auténtico termómetro da vida política, social e económica do noso país. Os redactores do discurso procuraban intercalar reflexións persoais do monarca con referencias políticas do momento que ían desde chamadas á calma e á esperanza en épocas de crise económica ata un velado paso pola circunstancia xudicial dalgún dos antigos membros da Casa Real.
O protagonizado este ano por Filipe VI centrouse na necesidade de recupera-lo espírito da convivencia e a procura dun espazo común a través do diálogo e o consenso pondo como exemplo a Transición e a Constitución de 1978 que, entre outras cousas, garante a xefatura do Estado para a familia Borbón.
Sin querer entrar noutro tipo de detalles do discurso o que si é certo é que desde unha etapa ata aquí (pode ser que pola crise económica, a corrupción e o desencanto xeralizado da sociedade) asistimos a un permanente clima de crispación que en nada axuda a supera-los nosos problemas facendo que as pólas non nos deixen ver a auténtica dimensión do bosque.
O conflito territorial, que oscila por temporadas entre o País Vasco e agora Cataluña, son bo exemplo de que hai algo que non se está a facer axeitadamente para conseguir un modelo que remate por da-lo encaixe preciso para garantir esa convivencia da que El Rei falaba no seu discurso.
Duns anos para aquí asistimos a toda unha serie de políticas orientadas ao desencontro e a seguir un guieiro irremediable que nos leva ata o enfrontamento e á rotura irrefrenable da convivencia levantando recelos entre residentes en diversas comunidades autónomas e creando un auténtico caldo de cultivo de opcións extremistas que, en ningún caso, representan o desexo e o sentir real da cidadanía, pero que se erguen de súpeto como medida paliativa para encauza-la xenreira colectiva da xente.
Como non sexamos quen de resolver estes procesos de violencia interna contida, pero mal administrada, acabaremos irremediablemente optando por posicións sen saída e ese modelo xa coñecemos do seu fracaso e das súas mortais consecuencias, como as sufridas hai máis de 80 anos, ou non?

Unha mensaxe real...

Te puede interesar