Galaicos, nexo entre dous mundos

Coa chegada ao Museo de Pontevedra da exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos” ábrese unha inmellorábel oportunidade de achegarnos a unha mostra que alén das valiosas pezas de arqueoloxía e didáctica que ofrece, é tamén unha relevante proposta de teses sobre un moi longo período da traxectoria do país galego que está a precisar dunha revisión terminolóxica que poña ao día determinados conceptos que a investigación histórica actual evidenciou como máis axeitado para chamar ás cousas. Velaí a proposta de substituír a denominación de castrexos pola máis propia e xusta de galaicos xa que “existir, existían, e falar de cultura castrexa non é correcto, porque lle estamos a poñer nome dun tipo de hábitat moi concreto, e a Idade do Ferro no noroeste é moito máis complexa que os simples castros; dado que hai poboados abertos que non son castros, ou centros de comercio que tampouco son castros, aínda que sexan da mesma cultura”; palabras da persoa que comisaría esta exposición, coincidente coa forma na que os invasores romanos alcumaban a este noso pobo, considerando necesario “darlle unha volta a ese concepto”.

A devandita mostra, vén de volta da súa xira por institucións culturais de Madrid e Valencia, para inicialmente finalizar no Sexto edificio do museo pontevedrés nunha viaxe que nos leva polo rico patrimonio cultural ligado á historia da Rías Baixas e de toda a Galiza cunha visión, a través das varias seccións que conforman esta proposta divulgativa, dos obxectos arqueolóxicos máis representativos, para saber da evolución que se ten producido durante un longo período de máis de dous mil anos, desde a prehistoria até a antigüidade tardía. Pezas que prestaron unha ducia de museos e outras institucións culturais, especialmente as do eixo atlántico, onde se sitúan as rías pontevedresas, na tradición secular dun territorio de gran actividade comercial e de converxencia de tradicións culturais que deixaron a máis grande densidade de xacementos arqueolóxicos. 

Demostración da falsa idea do mito do atraso, concepto típico da idea dominante a respecto da protohistoria do territorio galego até o inicio do reino suevo.  Galiza, e en especial as Rías Baixas, eran unha zona ben comunicada  grazas a vía máis usada na antigüidade, e dicir o mar polo que circulaban as embarcacións romanas e as dos pobos nórdicos, equidistantes da nasa fachada marítimas apenas por poucos días de navegación e, polo tanto, punto central do corredor Atlántico polo que se producían a chegada de relacións, fosen mercantís ou de natureza cultural. Polo tanto, os galaicos foron un pobo que serviu de nexo entre dous mundos, formando parte do intercambio experimentado desde a Idade de Bronce até a crise do Baixo Imperio nunha área xeográfica que aínda está por revelar moita información antropolóxica. Toca visitar esta exposición didáctica e visual que non deixará indiferente a ninguén pola súa monumentalidade e innovación. 

Galaicos, nexo entre dous mundos

Te puede interesar