Están cheas as tertulias e os programas de “todosabedores”. Son persoas doctas e moi coñecedoras estes días do sistema eléctrico e enerxético, das relacións diplomáticas con Marrocos incluíndo as correntes marítimas en Ceuta ou do denso sistema xurídico e a aplicación legal de indultos. Son os mesmos, claro, que sabían todo sobre o sistema electoral estadounidense hai uns meses, que coñecen a realidade de Madrid cando tocan eleccións autonómicas e que son expertos cada día en epidemioloxía e vacinas. Un guiso de todo que sempre sae ben, porque así sempre haberá un programa televisivo para botar uns berrinches, un programa de radio onde dictaminar sentencias e columnas de opinión para escribir o que sexa (como esta). E sempre teremos, todos, onde mirar, escoitar ou ler algo que nos de a razón. Porque a modernidade líquida, que diría Bauman, ten esa cousa que tamén ten o fútbol que da igual o que ti penses que sempre haberá quen te confirme que tes razón.
A presenza destes cerebros librepensadores, que coincide que case sempre son homes (de ser costumbrista hai que selo para todo) ofrece ademais unha perspectiva moi interesante xa que non se emiten opinións (que son libres, susceptibles de estar equivocadas e que asumen que é unha visión de parte), senón que se proclaman verdades absolutas. Isto é moito máis perigoso, porque fronte a unha verdade absoluta non se pode opoñer ninguén e, por tanto, pódese desprestixiar ao que non nos da a razón porque “non sabe”, “non coñece” ou simplemente “está equivocado”. E así constrúense os debates hoxe, a golpe de dogmas indiscutibles. Porque aínda que o proceso natural fose recoller información para poder argumentar e concluír, hoxe debatemos poñendo primeiro a nosa conclusión e logo xa veremos como argallamos para xustificala.
Estamos opinando todos de todo, con aires de epitafio humanístico impecable. Tanta intelixencia esparexada é demasiada cantidade de luz como para que encaixe toda nun mundo tan pequeno. Igual deberíamos aceptar o que, en realidade, é a clara verdade: que este mundo non está preparado para acoller a nosa sabia e totémica sapiencia. Tertulianos do país, por favor, fáganlle un favor ao mundo e permítanlle seguir na ignorancia, non o asoballen co seu saber. Se acaso, escoiten un pouco a Los Punsetes (“un montón de temas sueltos e inconexos aguardan el veredicto del experto”) e lean a Victoria Camps (“A sabiduría consiste en dubidar do que un cre saber”). Igual por aí resolvemos algo.