• Martes, 21 de Noviembre de 2017

A ofrenda das Letras Galegas innova ao engadir teatro e lectura pública

Cambados celebrou onte unha das xornadas centrais con motivo das Letras Galegas. O paseo da Calzada foi de novo o lugar elixido para reunir ao alumnado dos centros educativos da vila a mediodía, momento da tradicional ofrenda floral e da lectura de poemas

A ofrenda das Letras Galegas innova ao engadir teatro e lectura pública
A Calzada foi onte escenario dos actos centrais, coa participación de alumnos dos centros educativos da vila | gonzalo salgado
A Calzada foi onte escenario dos actos centrais, coa participación de alumnos dos centros educativos da vila | gonzalo salgado

Cambados celebrou onte unha das xornadas centrais con motivo das Letras Galegas. O paseo da Calzada foi de novo o lugar elixido para reunir ao alumnado dos centros educativos da vila a mediodía, momento da tradicional ofrenda floral e da lectura de poemas, de textos e da posta en escea de varias actuacións coas que honrar, este ano, ao autor recordado, Carlos Casares.

Foi unha xornada na que a Concellería de Cultura quixo innovar e introducir algunhas novas propostas. Deste xeito, concluidos os actos que teñen continuidade cada ano e tras a interpretación do Himno Galego, a Calzada acolleu tamén un espectáculo titulado “Canta Connosco!”, de Migallas Teatro. Foi preto dunha hora de actuación para todos os rapaces e tamén para todos os veciños que quixeron achegarse.


Xeralmente, o programa deste día de homenaxe escolar remataba coas actividades da mañá. Pero onte houbo un epílogo especiel no serán.
A tarde deu paso a una lectura pública e continuada de “Da Terra Asoballada”, obra de Ramón Cabanillas que este ano acada o centenario da súa publicación e co que o Concello quixo facer unha homenaxe máis ao poeta da Raza.


Durante unhas horas, o texto permaneceu vivo no ar, grazas á intervención de escolares, representantes de diferentes colectivos veciñais e culturais e veciños.
As actividades seguirán estes días. Dende onte e ata o 19 de maio, sucederanse nas diferentes casas de cultura das parroquias actividades previstas no “Gran Xogo das Letras Galegas”. Eduvía Educación e o Concello queren así fomentar o coñecemento de autores distinguidos con tal recoñecemento, de forma lúdica.

Xa o mesmo 17 de maio, o paseo marítimo acollerá a mediodía a inauguración dunha exposición da Escola de Canteiros da Deputación, acto incluido no programa de Cambados, Cidade Europea do Viño 2017.


Ás 13 horas será o concerto das Letras Galegas que ofrece a Banda de Música de Castrelo, no auditorio da Xuventude. Antes, dende as 10 da mañá, a piscina recibirá o campionato de natación escolar das Letras.