“Pasei polo BNG, Anova, Cerna e Somos porque trato de ser fiel ás miñas ideas”

“Pasei polo BNG, Anova, Cerna e Somos porque trato de ser fiel ás miñas ideas”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-1eae22e3_1

Enrique Oubiña é veciño de Barrantes, traballa nunha firma de mobilidade para instalar ascensores e escaleiras mecánicas e ten 37 anos. Nos últimos catro foi concelleiro, tras ser elixido como líder do BNG nas pasadas eleccións. Tras a súa marcha do Bloque mantivo a acta como edil non adscrito, espertando o malestar na forza nacionalista. Agora preséntase por Somos Ribadumia, que concorrerá co nome oficial de Participación Democrática Directa ou PDDdG.

Que é Somos Ribadumia e que persegue?
Igual que noutras vilas, somos unha forza que nace da situación do país, que esixe unha rexeneración da política, por como están os partidos. Pensouse que era necesario unir ás persoas máis aló das siglas e aí comezamos, amparados no manifesto de Somos Maioría.

Baixo que ideoloxía?
Somos de esquerdas, con xente que vén do PSOE, do BNG ou que está en Podemos, que non ten presenza propia nas municipais.

Que os diferenza dos partidos tradicionais á hora de concibir a política?
Basicamente plantexamos o cambio no funcionamento interno. Somos un partido asambleario, que funciona dun xeito totalmente aberto, coas decisións importantes tomadas en encontros nos que pode participar calquera veciño. Cremos que neste intre o que se precisan son políticos honrados e, por iso, a nosa maior diferenza co resto é que nós debémonos a un código ético de funcionamento.

Vostede entrou na Corporación co BNG, pero deixou a formación por Anova, logo por Cerna e agora por Somos. Que foi buscando nesa peregrinaxe política?
O BNG xa se sabe a situación que pasou. Anova, debido ao proxecto de AGE, tampouco prosperou como debera, e logo comezou Cerna, que é un proxecto que non está nin moito menos liquidado, pero que medra a un ritmo diferente, para evitar vellos erros. Penso que primeiro están as persoas e logo as siglas, por iso o que fago é manter as miñas ideas e tentar estar no sitio onde estou cómodo e máis se adapta ao meu ideario.

Esta “sopa de letras” da que se fala pola división en moitos partidos pode afectar negativamente á esquerda, cunha dereita tradicionalmente máis unida?
Quizais non sexa tan así. Nos concellos de O Salnés aparecen tamén candidaturas alternativas ao PP: Cambados Pode, independentes en Sanxenxo e Ribadumia... Xa sen falar de Ciudadanos. O que pasa é que semella que na esquerda facemos máis ruído.

Xa que falou de Independientes por Ribadumia: A súa volta pode restar votos a Somos?
Creo que esa xente non estaba na nosa liña ideolóxica e non o creo. Ademais eles levan de candidato a unha persoa descoñecida en política e eu levo xa catro anos de concelleiro na Corporación.

E como é a súa relación agora co BNG tras o pulso mantido pola devolución desa acta de edil  que eles lle esixían e que vostede conservou?
Politicamente falando ambas partes fixemos o que consideramos que tiñamos que facer. Fóra diso, tanta cordialidade como co resto de partidos, aínda que no ideolóxico esteamos en campos diferentes. En canto ao persoal, hai xente coa que te levas mellor e peor.

De que ten falta Ribadumia?
Dun cambio grandísimo na xestión do Concello, que ata o de agora reduciu a política social ao mínimo a cambio de facer obras inútiles gastando os cartos de todos.

Non comunga con obras como o campo de fútbol e a Pousada?
O Concello xa tiña máis instalacións das que podía soportar. O campo de fútbol era totalmente innecesario, xa tiñamos tres, e foi un desfalco de cartos. En todo caso había máis formas de conseguir os terreos e de facer as cousas. Sobre a Pousada, todo o proxecto é un gran despropósito. En O Salnés o sector ten moitos hoteis, que xeran importantes ingresos e emprego. Por iso, poñerse a facerlle a competencia non semella moi ético. A de Ribadumia, ademais, está no medio da nada, mentres en Cambados temos un Parador ben ubicado e nunha situación de crise bestial.

E que propoñen vostedes?
Hai que centrar prioridades, por exemplo, adicar o 10% do orzamento a políticas sociais, que serían máis de 300.000 euros este ano. En Ribadumia hai pobreza enerxética, porque moita xente non chega a fin de mes, e por iso propoñemos unha liña de axudas a familias, que podería chegar, témolo estudado, ata 350 euros ao mes nalgúns casos. Queremos crear emprego e unha das apostas sería polo monte, cunha planta de biomasa a través dunha cooperativa social.

“Pasei polo BNG, Anova, Cerna e Somos porque trato de ser fiel ás miñas ideas”

Te puede interesar