O BNG esixe un plan de transporte comarcal eficiente para O Salnés

Critican a xestión da Xunta e reclaman unha intermodalidade real
O BNG esixe un plan de transporte comarcal eficiente para O Salnés
O BNG compareceu na Estación de Autobuses de Vilagarcía | MÓNICA FERREIRÓS

Representantes políticos do BNG liderados pola candidata ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro, Montse Prado, esixiron á Xunta de Galicia un plan de transporte comarcal eficiente para a comarca do Salnés. Os políticos compareceron diante da Estación de Autobuses de Vilagarcía para denunciar a “nefasta” xestión da Xunta nesta área “cun modelo de articulación de autobuses baseado no monopolio dunha sola empresa”. Isto –segundo os nacionalistas– repercute en máis problemas no cumprimento dos horarios, en menos frecuencia e en menos utilidade do transporte para a cidadanía. “O que ten que haber é un servizo á medida e que responda ás necesidades dos usuarios”, incidiron.


Montse Prado sinalou que “a existencia do transporte é fundamental para vertebrar o territorio” e fixo alusión específica ao caso da comarca do Salnés, cunha cantidade de poboación importante, pero con frecuencias de autobús complexas ou case inexistentes entre os diferentes municipios. A nacionalista esixiu transporte de calidade que conecte á poboación co Hospital do Salnés, cos xulgados de Vilagarcía e Cambados ou cos lugares de ocio. “Non pode ser que de O Grove a Cambados e Vilagarcía haxa apenas dous horarios pola mañá e un pola tarde para a volta”, indicou. Tamén fixo referencia á problemática que estudantes de ensinos non obrigatorios teñen para chegar as centros escolares. “Cremos que hai que modificar a lexislación para que haxa autobús para todos os niveis educativos”. A maiores reclamou “unha intermodalidade real, que non sexa só de obra, senón con horarios e frecuencias”.

O BNG esixe un plan de transporte comarcal eficiente para O Salnés

Te puede interesar