Nós de Sobradelo, tres décadas dignificando a cultura

Nós de Sobradelo, tres décadas dignificando a cultura
Arredor de sesenta persoas forman parte da asociación cultural Nós de Sobradelo donde prima a formación musical e de baile Fotos: cedidas pola asociación

Foi no ano 1986 cando, con Dositeo Barreiro como presidente, deu os primeiros pasos a asociación cultural Nós de Sobradelo. O colectivo nacía cun obxectivo claro, o de promover e dignificar a cultura e a etnografía galegas sempre coa mirada posta na Ría de Arousa. Tras Dositeo Barreiro chegaba á asociación Manuel Treviño que ocuparía o cargo de presidente durante unha década. Agora é Manuel Doval o que, xunto a outros cinco compañeiros máis, encabeza a Xunta Directiva na actualidade. 
A agrupación Nós de Sobradelo leva o nome desta parroquia vilagarciá non só por diferentes concellos de Galicia, senón tamén polo mundo adiante. Intercambios, actuacións, labores de recolla e milleiros de quilómetros percorridos enchen trinta anos de historias e anécdotas. A formación naceu cunha aposta pola formación. Arredor de sesenta persoas, dende os nenos máis pequeniños ata adultos, participan nos catro cursos impartidos ao abeiro do colectivo. Verónica Abalo encárgase de canto e pandeireita para os máis pequenos; Cristina González ocúpase de todos os grupos; Luz Sanmartín é a mestra de baile e Ramón Miguéns o de gaita e percusión.
Ao traballo de formación súmaselle ao da “recolla”. “Viaxamos por Galicia para recoller a cultura oral viva. Escoitamos á xente máis maior, as cancións e a musicalidade e reproducímolo tal cal, sen modificar o espírito, porque niso consiste a recolla”, explica Manuel Doval. Esas recollas trasmítense logo nas clases e tamén no sinfín de actuacións que ciscan por romarías e festas de toda Galicia. 
Nós de Sobradelo tamén vai unida de forma irremediable ao serán, ese que o ano pasado non se celebrou pero que esperan recuperar en futuras edicións. Recoñecen que “en Vilagarcía, no centro, non funcionou como nos gustaría, pero en Sobradelo abarrotamos e por iso pensamos que ese é o escenario idóneo”. A todos os que forman parte desta gran familia úneos o amor pola cultura galega, pola tradición, e pola trasmisión musical de xeración en xeración. “Gústanos o que facemos e se hai que seguir trinta anos máis, seguiremos”.

Nós de Sobradelo, tres décadas dignificando a cultura

Te puede interesar