Salomé Peña, un pouco de respecto, por favor

n política a educación é importante. Benquerida Salomé Peña, “tonto útil “ podería ser unha boa definición para unha persoa designada a dedo para ocupar un cargo, circunstancia á que efectivamente en Ribadumia xa estamos moi acostumados, concretamente dende o ano 2001, e mesmo antes, cando un alcalde do teu partido colocou un “tonto útil” en postos da Deputación. O mesmo “tonto útil” que despois mordería a man que lle deu de comer e te colocaría a ti a dedo na alcaldía. Polo que comprendo que ti estarás moi afeita a ese tipo de circunstancias, e de funcionamentos dentro do teu partido. 
   Claro que o entendo. Pero non me confundas a min contigo. Porque afortunadamente non todos somos iguais. E menos en canto ós funcionamentos políticos. Tamén che agradecería que respectaras á forza política a que eu represento, Somos Ribadumia, e recordaras, antes de facer certas afirmacións, que ti non es alcaldesa por un motivo: a maioría das nosas veciñas e veciños non te quería na alcaldía. Asúmeo.
   Aínda así, todas as persoas que vos apoiaron nas eleccións merecen que as respectes. Entendo que non esteas acostumada a estar sentada na cadeira de enfronte, e que o teu guía espiritual, o señor Serantes, tampouco estará moi acostumado ó traballo da oposición. Ou ó traballo político en xeral, se temos que atender o que vemos nos plenos municipais. Pero con actitudes como as que estás tendo so consegues que a imaxe das políticas e dos políticos desmellore, polo que outra vez, e desexo  que sexa a última,  pídoche que antes de asinar os comunicados, escritos ou mocións que outros che redactan, leas ben os contidos, porque nestes últimos meses estás conseguindo que creamos que es unha maleducada e que non tes respecto ningún polas persoas, sexan políticos da competencia, sexan veciños e veciñas de á pé. 
  Es, ou deberías ser, a líder da oposición. A túa misión é propor alternativas e solucións ós problemas, e buscar acordos con quen goberna para solucionar as cuestións que van xurdindo, ou avanzar na mellora da vida no noso concello. Por que niso consiste a política, non en buscar conflitos interesados, nin en ir por aí insultando. Asume por fin o teu rol, Salomé Peña, e ponte a  traballar, que xa son horas.

Salomé Peña, un pouco de respecto, por favor

Te puede interesar