A nova Ruta da Seda

Aínda que a marca Ruta da Seda é ocorrencia dun xeógrafo alemán, feliz expresión que formou parte do título dunha publicación editada fai 140 anos para tratar desa longa distancia que separa ás terras chinesas da costa mediterránea, unindo por esa vía o comercio de dous continentes; na realidade esta extensa ruta dos negocios, precursora bimilenaria da economía globalizada dos tempos modernos, arrancou polo gusto no vestir das mulleres romanas ricas, fascinadas por ese “tecido elaborado coas fibras do fío aniñado no capsulo do verme lepidóptero Bombyx mori”. Agora, á vista da celebración desa convención de poderosos e millonarios que anualmente se xuntan en Davos, Suiza, para orientar ao mundo sobre as bondades do capitalismo universal, nesta ocasión co foco posto na intervención estelar do actual presidente da República China, semella ser o momento de falar dunha nova senda; iso si, agora pola dirección á inversa. 
Velaí o desembarco oriental na cita helvética, contando con emerxentes empresarios dun sistema que nominalmente se di comunista incluído o cumio directivo desa plataforma de distribución de mercadorías chamada Alibaba que trae á memoria cidadá o relato exótico daqueles corenta ladróns das mil e unha noites no Bagdad do medio oriente, cidade dentro do percorrido da Ruta da Seda, coa inevitábel referencia simbólica á cova de ocultación. Cousa veredes.
Para alén diso, non deixa de ser un paradoxo sarcástico a declaración do mandatario chinés, convertido en defensor das vantaxes da economía globalizada, afirmando que “debemos promover a liberalización do comercio e dos investimentos financeiros dicindo non ao proteccionismo; porque ninguén sairá vencedor dunha guerra comercial”.   O mundo do revés. Mensaxe para o novo presidente americano que,  na teoría, rema en dirección contraria.
Por iso, Europa xa non mira con preferencia ao Camiño de Compostela, infinitamente curto tanto se medimos a súa distancia en millas ou quilómetros. Os negocios e a política do vello continente cobiza o retorno á Ruta da Seda, autoestrada de cara á economía do dragón amarelo. 
É tempo de botar outra ollada ás “As viaxes de Marco Polo”; libro feito por un amanuense, eses que “escriben á man, ao ditado ou copiando”, os que chamamos “negros” hoxe en dia, unha obra nacida para dar consellos, datos e guía de instrucións aos futuros comerciantes que decidan establecer algún tipo de intercambio cos do oriente. Non esquecer que este “libro dos prodixios” realmente naceu co título de “Il Milione”; metáfora do Foro Económico Mundial reunido nos Alpes.  

A nova Ruta da Seda

Te puede interesar