Fillas de Cassandra presenta unha nova obra do universo Hibernarse: unha colección de xoias de cristal, feita a man, en colaboración con Toda Frágil

Fillas de Cassandra presenta unha nova obra do universo Hibernarse: unha colección de xoias de cristal, feita a man, en colaboración con Toda Frágil
Fillas de Cassandra

Fillas de Cassandra segue a desvelar novos mundos do seu universo HIbernarse. Se o pasado 10 de abril o dúo publicaba nas plataformas dixitais tanto un EP coma un videofilme, hoxe Sara Faro e María SOA anuncian unha proposta artesá, “feita a man” e especialmente vinculada a este último: a colección de xoias e obxectos de cristal Hibernarse, unha colaboración que nace da unión entre o dúo e a marca Toda Frágil.

A colección Hibernarse é unha serie de oito xoias e obxectos de cristal feita a man mediante as técnicas de traballo e soprado de vidro. A iniciativa nace do encontro entre Fillas de Cassandra e a marca de xoias Toda Frágil, liderada por Silvia Calvo; cadaquen desde o seu espazo, e ao seu xeito, estaba na procura de novas fórmulas de expresión.

 

Desta busca de “novos traxes” e da esencia compartida, do encontro entre a música, a  fraxilidade do tempo e solidez do cristal, agroma unha pequena colección de pezas únicas, entre obxectos, accesorios e xoias. Unha colección onde a metáfora que presenta Fillas de Cassandra é tanxible. “As pezas de vidro soprado cicélanse co lume de arderse, coa delicadeza do que podería estar a piques de quebrantarse e coa certeza do que vai seguir aí após a hibernación. Todo feito a man, nun proceso coidado e artesanal cuxo resultado é único e singular”, sinalan María SOA, Sara Faro e Silvia Calvo.

 

Precisamente estes pendentes, aneis, tesoiras, flores ou pasadores de pelo formaron parte do videolfilme Hibernarse, mais agora estarán á venda por un tempo limitado a través da páxina web www.todafragil.com: desde o 8 de maio, a partir das 21.00 horas, e até o xoves 22 (23.59 horas). Ademais, todas as persoas que adquiriron no período de prevenda o vinilo de Hibernarse, obterán un código de desconto -que enviará Altafonte a todas as compradoras- que poderán empregar no proceso de compra das xoias.

 

Esta colección é unha peza máis de Hibernarse, o novo proxecto multiformato de Fillas de Cassandra que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un álbum, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias e outras sorpresas conforman un universo que o grupo revelará, ao completo, proximamente; e no que o dúo defende firmemente o respecto sobre os tempos necesarios para o desenvolvemento do traballo manual así como da autenticidade e identidade da artesanía.

 

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar por María SOA e Sara Faro, as artistas que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa poñendo o foco sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.

 

O EP Hibernarse, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, pódese escoitar nas plataformas dixitais. O traballo físico, un vinilo que se acompañará dun fanzine ateigado das imaxes, reflexións, apuntamentos e lembranzas que María SOA e Sara Faro atesouran destes dous últimos anos, pódese reservar a través da páxina web de Altafonte.
 

Fillas de Cassandra presenta unha nova obra do universo Hibernarse: unha colección de xoias de cristal, feita a man, en colaboración con Toda Frágil

Te puede interesar