O ciclismo e o deporte en Arousa están de loito por Ernesto Falcón

Ernesto Falcón era o presidente do CC Cambados e unha persoa moi querida na vila | da

O deporte arousán e o ciclismo galego están de loito polo cambadés Ernesto Falcón, que faleceu onte aos 73 anos de idade. Presidente do Club Ciclista Cambados, ex directivo da Federación Galega e da Federación Española, impulsor de probas ciclistas que se realizan na comarca do Salnés, como a Ruta do Albariño-Memorial Modesto Sánchez “Teto”, Ernesto Falcón estivo gran parte da súa vida vencellado ao mundo da bicicleta. Unha implicación absoluta, que sempre tivo o recoñecemento de todas as persoas que forman parte do mundo do ciclismo. No ano 1973, cando era vicepresidente da Sociedade Cultural de Cambados, foi un dos fundadores do Club Ciclista Cultural Cambadés. Dende entón mostrouse sempre moi activo neste deporte, converténdose nunha persoa imprescindible do ciclismo galego, dende a etapa de Álvaro Pino ata a actual con Gustavo César Veloso como protagonista.


“Nos últimos cincuenta anos é un home do mundo do ciclismo en Galicia. Un apaixoado deste deporte, que colaborou sempre en todo. Se dis ciclismo en Galicia tes que meter a Ernesto no medio. Da igual a quen lle preguntes en Galicia, todo o mundo o coñecía”, explica Veloso, que deu os seus primeiros pasos da man de Falcón en Cambados. “Cando eu chegeui ao CC Cambados el era o responsable, xunto a Xosé María Conde e Pepe Conde. Durante todos estes anos xeramos unha amizade”, comenta con tristura o corredor de Bamio.


A marcha de Ernesto Falcón deixa un baleiro a nivel deportivo, pero tamén a nivel humano. O ex alcalde e mestre cambadés Xoán Antonio Pillado, amigo íntimo de Ernesto e compañeiro fai anos na directiva da Cultural, explica emocionado que Ernesto Falcón será recordado como “unha persoa entregada ao que facía, dinámica, activa, encantadora, con don de xentes...unha persoa marabillosa”.


Dende a Federación Galega de Ciclismo, o presidente Juan Carlos Muñiz fala de “mazazo” e dun “día moi triste” para o ciclismo galego. “Ernesto era entrañable, moi respectuoso”, explica o portonovés. “Sempre traballou a prol do ciclismo e ten unha longa traxectoria como federativo. Sempre estaba aí”. Juan Carlos Muñiz lamenta que “tiñamos un café pendente para falar da vindeira edición da Ruta do Albariño, el quería facela medrar, que fose máis dura”, por iso xa anuncia que en homenaxe a Ernesto a edición de 2022 terá tres etapas. “Era a súa vontade e traballaremos para que así sexa”. O presidente da Federación considera que a morte de Ernesto Falcón é “unha terrible perda para o ciclismo galego e para o ciclismo en xeral e nos deixa orfos, váisenos un pai”.Deixa un gran legado.

O ciclismo e o deporte en Arousa están de loito por Ernesto Falcón

Te puede interesar