José Ramón Fernández | “Decidín autopublicar porque as editoriais non me responderon. O difícil é darse a coñecer”

Unha historia na que o protagonista morre nada máis arrancar, así o explica o autor destas crónicas de literatura fantástica
José Ramón Fernández | “Decidín autopublicar porque as editoriais non me responderon. O difícil  é darse a coñecer”
José Ramón Fernández Pérez posando coa súa saga ‘Crónicas del Pacto’ | Cedida

Unha nova voz na literatura fantástica galega chega dende A Pobra do Caramiñal cunha saga composta por “novelas cortiñas de lectura moi áxil” que buscan atrapar ao lector dende a primeira páxina. José Ramón Fernández Pérez é o creador de ‘Crónicas del Pacto’, unha serie literaria que busca a acollida dos amantes da fantasía. Esta saga tamén tivo que facer fronte ao reto de abrirse paso no pequeno mercado literario independente, onde moitos autores loitan por atopar un oco nas editoriais. Nesta entrevista, José Ramón cóntanos como naceu a historia, o desafío da autopublicación e os seus plans de futuro, que inclúen novas entregas, a tradución ao galego e mesmo unha precuela.

 

Como naceu esta saga e cal foi a túa inspiración para lanzarte ao mundo da literatura?

Os primeiros libros escribinos hai un par de aniños, pero non me decidín a publicalos ata agora. A historia naceu cando estaba a estudar na ESO, a raíz dun certame literario na asignatura de galego para subir nota. Vironme potencial e, a partir de aí, comecei a desenvolver o personaxe. Co tempo decidín darlle un pouco de bola á historia e desenrolar un pouquiño máis, ademais despóis foi a miña muller a que me animou moito a facelo.

 

Tes algún referente?

Son moi fan da saga de Harry Potter, de feito para min Rowling é un referente. Tanto é así que lle fago un pequeno cameo á saga de Harry Potter na terceira entrega.

 

Autopublicaches en Amazon e tes tamén unha versión en tapa branda e tapa dura, pero hoxe isto é todo un reto. Que aprendiches do proceso?

Decidín autopublicar porque estiven falando con varias editoriais, pero non recibín resposta. Entón xurdiu a idea de intentar publicalo en Amazon, a ver que pasaba. Non tes que pasar un filtro moi complicado, pero o maior problema agora é o márketing e darse a coñecer, é o maior hándicap que lle vexo. Hai moito oportunista que, primeiro, amosa interese polo libro e despois ofrece axuda a cambio de cartos, con cantidades dificilmente asumibles.

 

Cal é agora o teu próximo proxecto?

Estou á espera de ver que acollida ten esta entrega para publicar a terceira, que xa a rematei polo Nadal. Agora estou rematando a cuarta e conto con tela lista despois do verán. Ademais, teño en mente traducilos ao galego se vexo que teñen unha acollida importante. Tamén pensei en facer unha precuela, afondando un pouco máis no que é o pacto e a historia do pasado.

 

Tes algún consello para escritores que estean dubidando en publicar pola súa conta?

Hai que animarse sempre. Cando alguén ten unha historia que contar, é necesario contala.

 

Unha mensaxe para os teus lectores...

Gustaríame que a quen lle dea unha oportunidade aos libros lle guste, porque fixen isto con moita paixón. Para min sería un orgullo enorme que a xente os acollese coa mesma paixón coa que eu os escribín.

José Ramón Fernández | “Decidín autopublicar porque as editoriais non me responderon. O difícil é darse a coñecer”

Te puede interesar