A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno as axudas por valor de preto de 120.000 euros para os clubs de fútbol que participaron na Copa Deputación de Pontevedra. “Sentímonos moi orgullosos de ter recuperado esta proba deportiva”, subliñou o presidente provincial Luis López quen detallou que as axudas oscilan entre os 175 euros dos equipos que xogaron a fase previa ata os 6.500 dos que chegaron á final.
En total, na temporada 2024-2025 participaron 137 clubs deportivos de 55 concellos da provincia de Pontevedra, sendo os clubs vencedores da Copa Deputación de Pontevedra deste ano o CD Cultural Areas, do Concello de Ponteareas, na modalidade masculina, e o Domaio FC, do Concello de Moaña, na feminina.
“Trátase dun trofeo que goza de enorme popularidade e que merecía a pena seguir organizando, somos a Deputación e a provincia do deporte”, asegura Luis López.
O goberno da Deputación de Pontevedra investiu nestes primeiros dous anos de mandato 27,3 millóns de euros no fomento do deporte, con axudas para clubs deportivos, para a organización de competicións, para o deporte de alto nivel ou para a mellora, modernización e impulso das infraestruturas deportivas na provincia.