“Elfo” Fernández acada o bronce no Mundial en Italia

“Elfo” Fernández acada o bronce no Mundial en Italia
O deportista vilagarcián (á dereita), no podio xunto ó campión e o subcampión do campionato | cedida

Acudía ó Campionato do Mundo “moi nervioso, con moito medo e asustado”, porque as normas da competición eran moi estritas e diferían do que é o seu estilo habitual. Pese a todo isto, o vilagarcián “Elfo” Fernández, de 20 anos, acaba de regresar de Italia cun bronce na man, tan só catro anos despois de comezar a practicar esta disciplina deportiva.

“O meu soño era chegar a esta competición e se pasaba os filtros xa estaba contento”, explicaba onte para este xornal o deportista. Porén, non só pasou os filtros, senón que o fixo coa cuarta puntuación máis alta. A primeira batalla pasouna sen problemas e en cuartos logrou vencer coa segunda puntuación máis alta do torneo: “Era un home de Italia, onde coñecen moito as normas e van con vantaxe niso”.

Foi en semifinais onde Fernández caeu ante o favorito da competición: “Estaba moi canso e veuse de lonxe que quedei sen forzas na metade da ronda”. Na loita polo terceiro posto, o seu rival retirouse debido a que se lesionara na ronda anterior, polo que a organización pediulle ó vilagarcián que realizara unha exhibición sen normas. E foi aí onde puido demostrar o que sabe facer: “O meu estilo é facer moitas repeticións, algo que o regulamento do Mundial non permite. Así que na exhibición fixen algo que non se veu nunca en ningunha competición. Deixeime levar, desfrutando o que facía”.



Case ata as bágoas


Neste momento foi onde se viviu o máis emocionante do campionato: “A xente veuse tan arriba que estabamos todo o equipo español case chorando. Non teño palabras. Teño o vídeo e póñenseme os pelos de punta cada vez que o vexo. Todos os ánimos que recibín e todo o apoio que tiven alí foi a un nivel que non agardaba para nada”.

Cabe lembrar que “Elfo” Fernández leva tan só catro anos practicando a calistenia, polo que este bronce mundial é aínda máis destacable. O propio deportista sinala que “imaxinaba que se algún día chegaba aquí, sería dentro de moitos máis anos”.


Parón competitivo


En canto ó futuro, prefire agora afastarse do tema competitivo polo momento: “Cando vén un evento desta índole adestras para esta competición e non para ti. Quero enfocarme un pouco máis no que eu quero facer, nos elementos que quero mellorar. Se volvo competir será en algo que non me requira preparación e esperarei ata o ano que ven, que se volverá celebrar o Mundial en España, para presentarme á clasificatoria”.

Tras o seu exitoso terceiro posto nesta competición mundial, “Elfo” Fernández tamén quixo ter palabras para as dúas rapazas que, xunto con el, acudiron a Italia a representar a España e que quedaron nos filtros por non coñeceren o regulamento na súa totalidade: “Foi mala sorte, pero esperemos que o ano que vén, xa coñecendo todo mellor, poidan participar e facer podio, porque teñen cualidades de sobra para logralo”. 

“Elfo” Fernández acada o bronce no Mundial en Italia

Te puede interesar