A Carballeira de Ribadumia acolleu onte a presentación da cuarta edición do Rallymix Concello de Ribadumia, cuarta proba do Campionato Galego que se celebra esta fin de semana con máis de cen pilotos en liza.
Organizado pola Escudería Desguaces Tino Racing, o seu presidente, Celestino Iglesias Cores, estivo acompañado no acto polo alcalde David Castro, polo presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, pola directora territorial da Xunta en Pontevedra, Blanca García-Señoráns, e polo deputado provincial Marcos Guisalola. Tamén polo portavoz do clube organizador, Pablo Iglesias, que desvelou os detalles da proba.
Constará dun percorrido de máis de 14 quilómetros, dos cales 13.550 metros corresponden a un treito cronometrado por pistas de terra e asfalto pechada ó tráfico. Está dividido en dúas etapas e 5 pasadas polo mesmo treito. O sábado haberá tres pasadas cronometradas, a primeira a partir das 11:30 horas, e o domingo serán dúas pasadas a partir das 9 horas. O trazado comeza en Besomaño, pasa por Lois e finaliza no cruceiro vello de Ribadumia.
Os mellores clasificados repartiranse unha cuantía económica de máis de seis mil euros, e espérase moi bo ambiente de público durante a fin de semana. O domingo ás 14 horas será a entrega de premios.
Pablo Iglesias agradeceu a implicación e respaldo de institucións, patrocinadores privados e voluntarios, e explicou que o Rallymix servirá para recordar a dúas persoas vinculadas ao deporte automobilístico que continúan na memoria de todos. De forma que estarán en xogo o II Memorial de Copilotos Bárbara Gómez Oubel e o III Trofeo Traseiras Memorial Esteban Pérez Iglesias.
O presidente da Federación destacaou a alta participación con 102 pilotos, que chegan de diferentes puntos de Galicia e España, a pesar de que coincide coa Subida a Chantada. O que demostra a capacidade de convocatoria da organización, destacando que “a familia Tino Iglesias é moi importante para o automobilismo galego”, pola súa longa traxectoria. Ademais agradeceu o apoio das institucións.
Pola súa banda, o alcalde destacou “o enorme mérito” de Tino Iglesias e toda a súa familia, que foron os impulsores da proba hai catro anos e seguen a ser o motor da mesma. Castro nomeou a todas e cada unha das persoas que fan posible o evento. Ademáis falou da importancia para Ribadumia e o seu deporte do respaldo e apoio de Iglesias en todos os ámbitos como patrocinador privado.
A Escudería Desguaces Tino Racing é a actual campioa galega de Rallymix e estará moi representada na proba, na que se estreará Iria Iglesias Duarte, con só 16 anos. Ademáis tamén está previsto que compita o bicampión galego de Rallys Alberto Meira, no que será o seu debú en terra.