A Pobra acolleu onte a presentación oficial da Liga Galega de Traiñeiras. O acto realizouse na praia da Lombiña, contando coa intervención do alcalde, José Carlos Vidal, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do presidente Asociación Liga Noroeste, Francisco Javier Rodríguez Barros. Á cita asistiu, así mesmo, o concelleiro de Deportes da Pobra, Eloy Sobrido, e representantes dos distintos clubs que participarán na competición.
Na Liga Galega tomarán parte preto dunha trintena de equipos, enfrontándose ás distintas probas entre o sábado, 28 de xuño, cando dará comezo coas probas que se disputarán en Redondela. No caso do municipio pobrense, a cita fixada no calendario da Liga terá lugar o sábado, 12 de xullo, coa XX Bandeira Concello da Pobra.