Máis de 700 deportistas recalan en Vilagarcía pola celebración de catro eventos durante a fin de semana. Como soe ser habitual a partir de Semana Santa, o calendario deportivo da cidade énchese de programación todas as fins de semana, o que demostra a importancia de Vilagarcía no mapa da comunidade, vén sexa pola calidade das súas instalacións ou pola súa ubicación, que permite aos clubs e equipos achegarse con facilidade á zona.
O Centro Comercial Arousa acolle o XI MasterChess, organizado polo Club Xadrez Fontecarmoa. As probas serán o sábado durante todo o día (10:30-20:00), en categorías que van dende a sub-8 ata a absoluta.
Pola súa parte, o Centro de Tecificación celebra a Semana Galega de Vela, que contará coa participación de 200 regatistas. A concentración comezou onte e rematará o domingo ás 18:00 horas, coa clausura oficial. Os deportistas dispútanse a Copa Xunta de Galicia, que marca o inicio da temporada de verán para a vela lixeira.
A praia da Concha volve a converterse nun escenario de luxo para o deporte. Nesta ocasión, o sábado de 11:00h a 13:00 h, celebrarase o XogaKenpo, organizado polo Club Kenpo de Vilagarcía, en colaboración co Concello. Espérase que participen arredor de 200 nenos en idade escolar.
Por último, o evento Clínic de Baloncesto. Está organizado polo CIFP Fontecarmoa e contará con técnicos de primeiro nivel, como o adestrador do FC Barcelona, Óscar Orellana. Impartirá as charlas "Ataque e bloqueo directo, da técnica á táctica" (17:00h), e "Defensas: Tipos" (domingo, 16:30h).