A cultura mariñeira forma parte da esencia da Pobra. Tanto é así, que esta temática é o fío condutor de boa parte das actividades da programación turística de verán. Esta liña de traballo verase reforzada, un ano máis, coa LXII Regata Rías Baixas organizada polo Club Náutico de Vigo. Trátase da única gran regata de cruceiro que subsiste en España e que fará unha única parada en toda a provincia no concello.
A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, e Lorena Rosende e Paco Riveras, membros da directiva do Club Náutico Vigo, presentaron a cita deportiva, na que se espera a participación de arredor de 40 embarcacións procedentes de toda a xeografía autonómica e nacional.
Durante a súa intervención, a concelleira incidiu no orgullo que supón para A Pobra ser un dos portos nos que recale esta Regata Rías Baixas “estamos moi contentos de colaborar nesta edición tan especial, xa que é a primeira organizada pola nova xunta directiva do club”, subliñou.
Como novidade, “repartiranse vales para os participantes da regata, que poderán gastar nos establecementos hostaleiros do noso concello”. A regata consta de catro etapas, nas que se pasará polas rías de Vigo, as de Pontevedra e Arousa.
En total, os regatistas cubrirán 125 millas náuticas de navegación. O venres, 15 de agosto, as persoas participantes deberán facer as 35 millas que separan Portonovo da Pobra, enfrontándose a unha das partes máis complexas e esixentes de todo o percorrido. Ese mesmo día, a partir das 19.30 horas, haberá degustacións para o público asistente e unha entrega de trofeos aos mellores regatistas da xornada na Praza do Emigrante.