Sara Giráldez: “O meu debut xogando con homes pode abrir camiños a outras”

Sara Giráldez: “O meu debut xogando con homes pode abrir camiños a outras”
Sara Giménez posa, nunha foto para a historia do fútbol, no seu debut co Zacande | Gonzalo Salgado

Sara Giráldez é de Curro, ten 32 anos e o pasado sábado fixo historia no fútbol galego e español. Debutou, xogando co Zacande de veteranos, nunha competición mixta federada. Falando con ela amósase contenta de poder servir de exemplo e abrir camiños a outras mulleres que veñan detrás.
José Antonio Fariña, presidente do Zacande, sinalou o debut de Giráldez en competición mixta como “un paso máis para que teñamos todos os mesmos dereitos a xogar. Para o Zacande é un orgullo ser o primeiro club en ter dado este paso. Esperamos ser un exemplo para outros equipos”.
Giráldez comezou de xeito serio no fútbol xa de adolescente, con 16 anos. Militou no Marcón (fútbol sala) e actualmente formaba parte do Mosteiro feminino (fútbol 7) e do Barro. Cando lle chegou a proposta de xogar cos homes do Zacande veteranos non puido unirse inmediatamente pola imposibilidade de ter tres fichas á vez pero, unha vez finalizada a competición para o Mosteiro, foi quen de, finalmente, debutar co Zacande, compatibilizándoo co Barro.

Acaba de ser vostede a primeira muller en xogar nunha competición mixta federada en España, nos veteranos do Zacande. Como se sente?
Paréceme algo súper bonito porque pode abrir camiños. Ser a primeira en algo así, en materia de igualdade, é importante.

Cre que pode servirlle como referente a outras mulleres?
Si, que vexan que se pode facer, sobre todo para mulleres que se retiran por diferentes motivos, por non ter equipo ou polo que sexa, que vexan que hai outra porta aí. Ir un fin de semana a pasalo ben facendo o que che gusta.

Por que cre que custou tanto dar este paso?
Polo que me comentaron sei que hai equipos en Galicia interesados de cara ao ano que vén a que xoguen mulleres, pero creo que partiu da Federación Galega, se non me equivoco, dar este paso de que haxa fútbol mixto en veteranos.


Durante o partido estivo presente a alcaldesa de Meis e outras autoridades. Que lle dixeron?
A alcaldesa felicitoume e tamén o fixo o equipo rival. Dixéronme que era moi atrevida e desexáronme moita sorte.

Pasou máis nervios do habitual no partido?
Eu vivino cos nervios que pode ter un partido máis. Un chisco máis de nervios quizais, pero estivo moi ben.

E que tal cos compañeiros? Houbo bo ambiente?
Si. Xenial. Sentinme moi arroupada por todos os compañeiros, que estaban encantados de que por fin fora xogar con eles. Á maior parte deles, ademais, xa os coñecía. No que máis diferencia notei foi a nivel físico. Eu son baixiña e sacábanme dúas cabezas, así que era máis complicado meter corpo.


Vén vostede dunha familia moi futboleira?
Non creas... Xogou meu pai, meu irmán e agora están as miñas primas. Agora é máis futboleira ca antes.

De onde lle vén a afección por este deporte?
De pequena gustábame xogar no recreo, facían liguilla e sempre faciamos equipos.

Viviu vostede moitas situacións de machismo no fútbol durante a súa traxectoria?
Agora o fútbol feminino está máis normalizado. No meu entorno é algo habitual e non escoito nada malo, pero cando era pequena, cando xogaba nos recreos, si que me chamaban machirula, marimacho...

Considera entón que se mellorou nestes anos?
Creo que si. Cando empecei tiñas que ir a Pontevedra se querías xogar. Agora aquí cerca hai onde queiras. Case cada clube ten un equipo feminino, aínda que sexa na base.


Onde queda máis traballo para acabar co machismo no fútbol, nos equipos ou na afección?
Nos equipos non. Xa o teñen interiorizado. E fóra, pola miña experiencia, cada vez é máis normal. Ás veces escoitas cousas como “sodes malísimas”, “sodes un paquete”, pero igual que cara os homes. Ou iso espero (ri).

Que lle diría ás rapazas para que se animen a practicar este ou outro deporte?
Ás nenas, se teñen a posibilidade, que adiante. Que a min quedoume pena de non empezar antes. E ás que xa teñen unha idade, que se animen porque é pasar un rato guai facendo algo que che gusta, socializas.

Cre que haberá pronto máis equipos mixtos?
Creo que si. Unha liga de veteranas só mulleres igual é complicado que se poida facer agora mesmo, pero dálle tempo. 

Sara Giráldez: “O meu debut xogando con homes pode abrir camiños a outras”

Te puede interesar