Medio Ambiente pide cautela no gasto de auga pero por agora non se decretará unha prealerta

Galicia viviu un xullo “máis seco e cálido” do habitual, tónica que se mantén a primeiros de agosto
Medio Ambiente pide cautela no gasto de auga pero por agora non se decretará unha prealerta
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, antes de intervir en rolda de prensa | Arquivo El Ideal Gallego

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, realizou un chamamento á “prudencia” no consumo de auga aínda que por agora non se prevé decretar unha prealerta.


Nunha rolda de prensa celebrada este martes en colaboración con MeteoGalicia, a conselleira explicou que moitas vilas “duplican ou mesmo triplican a súa poboación no verán pola chegada dos turistas”, por iso “o consumo de auga débese facer con prudencia”. “Hai consumo, altas temperaturas e vento, por tanto hai evaporación e o recurso vese limitado”, engadiu.


Neste contexto, trasladou que “Augas de Galicia está a facer os estudos necesarios por se houbese que decretar en breve unha prealerta”, que “por suposto se notificaría con antelación”.


Con todo, engadiu que sen que sexa decretada “todos saben perfectamente que hai que deixar de lavar os coches continuamente, regar á primeira hora do día ou á noite”, ou “algo tan sinxelo como substituír un baño por unha ducha”, e “non desperdiciar a auga”.


Así mesmo, preguntada polos medios de comunicación sobre o estado das reservas hídricas, Vázquez informou que “non hai preocupación” porque os encoros están nun 88%. Con todo, reiterou a “prudencia”.

 

Previsións


Neste senso, Galicia viviu un “xullo seco e moi cálido”, e experimentou “menos choivas das esperadas”, unha tónica que MeteoGalicia avanzou “manterase polo menos durante a primeira semana de agosto”.


Na rolda de prensa, a meteoróloga María Jesús Souto explicou que xullo é o mes “máis seco do ano”, pero este ano houbo “menos choivas das esperadas” dado que “apenas se rexistraron tormentas de verán”, exceptuando a do 19.


Sobre agosto “todo parece indicar que pode ter un comportamento parecido”. “En Galicia sempre debemos actualizar os avisos día a día”, lembrou. 

Medio Ambiente pide cautela no gasto de auga pero por agora non se decretará unha prealerta

Te puede interesar