Rueda avisa a Moncloa de que a fronte de comunidades polo financiamento “xa está montada”

O presidente galego sinala que “non hai que ir a un notario” senón escoitar a outros líderes autonómicos
Rueda avisa a Moncloa de que a fronte de comunidades polo financiamento “xa está montada”
Rueda, camiño do Consello da Xunta o pasado 14 de xullo | Arquivo El Ideal Gallego

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, ve innecesario dar un verniz máis formal a un acordo entre autonomías para defender principios compartidos en financiamento e sostén que a “fronte común” de comunidades, máis fortalecida mesmo ante a cota catalá, “xa está montada”. De feito, argumenta que “non hai que ir a un notario”, senón que basta con escoitar a varios presidentes de distintas cores políticas.


“Que máis fronte común que todas as comunidades, desde logo as do PP e moitas que non son do PP, que son do PSOE, o partido que goberna, dicindo o mesmo, que isto é un disparate e que vai servir para empobrecernos a todos menos ás comunidades que sosteñen ao Goberno. A fronte común xa está montada, non hai que ir a un notario para montar esa fronte común, nin ao rexistro da propiedade, nin nada”, sentenciou, nunha entrevista con Europa Press. 

 

Nela, afeou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que lle dixese na Moncloa que “case non valía a pena tentar” reformar o modelo de financiamento porque “era moi difícil pornos de acordo”. Rueda lembroulle a Declaración de Santiago, cuns principios comúns, subscrita en 2021 por Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura, Asturias, A Rioxa e Cantabria.


“Que mellor punto de partida? Eu creo que houbo negociacións que se pecharon cun punto de partida moito máis débil”, defendeu, á vez que incidiu en que esa declaración se asinou “cando aínda non había a ameaza” da cota catalá, polo que agora ve a súa “vixencia” multiplicada “por dez” e máis razóns ir a un Consello de Política Fiscal e Financeira.


Dito isto, Rueda afirmou que non tería “ningún problema” en “reactualizar” este acordo se se considera “que fai falta”. Pero tamén sostivo que, se o feito de querer “reactualizalo e levalo a un aspecto formal” vai servir para “tensionar e dicir que xa non está vixente”, é partidario de “deixalo así”. “Todo o mundo ten claro que seguimos pensando o mesmo”, sentenciou.


Neste sentido, reiterou a súa convicción de que habería acordo se senta ás comunidades. “Claro que discutiriamos con Andalucía, que ten outros criterios, pero ao final poriámonos dacordo porque non nos queda outro remedio. Pero non podemos pornos de acordo se ninguén nos chama para tentalo”, lamentou.

 

Condonación da débeda


Sobre o punto concreto da condonación da débeda, Rueda reafirmouse en que, como proposta “illada”, non lle ve “ningunha vantaxe”, e reitera que é “un mal negocio aceptar deixar de pagar 35 millóns ao ano” para non poder “discutir 500 millóns”, que é o que “pediría” se se lle “chama” no marco dunha reforma do financiamento. 

 

Rueda insistiu en que el “asinaría” a condonación “agora mesmo”, se “como di o PSdeG, Galicia fose ter 2.000 millóns para poder gastar en sanidade, servizos sociais ou dependencia”. “Pero iso non é verdade”, advertiu.


Con todo puntualizou que non se opón á condonación, senón a que se poña como medida única e abriu a porta a aceptala con condicións. “Se vai acompañada do que lle interesa a Galicia, non me vou a opor”, recoñeceu. 

Rueda avisa a Moncloa de que a fronte de comunidades polo financiamento “xa está montada”

Te puede interesar