A Xunta financia a 68 investigadores para que poidan traballar en Galicia

Realizarán a súa labor na UDC, na USC e na UVigo, e en organismos e fundacións públicas de estudos sanitarios
A Xunta financia a 68 investigadores para que poidan traballar en Galicia
Unha investigadora do CSIC na comunidade galega analiza unha mostra nun microscopio | Arquivo El Ideal Gallego

Un total de 68 investigadores posdoctorais desenvolverán o seu traballo no sistema de I+D+i de Galicia grazas a unha convocatoria de axudas da Xunta. Cunha achega de case 18 millóns de euros, financiarase ata 2031 o traballo de 68 profesionais xa doutorados nas universidades públicas galegas, 23 deles na Universidade de Vigo, 21 na de Santiago, e once na da Coruña.


Tamén desenvolverán o seu labor 13 persoas noutros organismos públicos de investigación, en fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) da comunidade galega.

 

A novidade deste ano é o incremento das contías para aumentar o poder adquisitivo das persoas contratadas


Concretamente, catro farano na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC en Pontevedra, outros catro na Fundación pública galega Instituto de Investigación Sanitaria en Santiago, dúas na Fundación pública galega de Investigación Biomédica (Inibic) na Coruña, un no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Pontevedra, outro no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) en Santiago de Compostela, e por último, un na Fundación Centro Tecnolóxico da Carne en San Cibrao das Viñas.


Neste sentido, a Xunta lembrou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP concedeu axudas a un total de 49 investigadores cun orzamento de preto de 15 millóns de euros para incorporar a súa formación nos centros, unidades ou departamentos correspondentes, “permitindo a mellora das súas capacidades e o desenvolvemento da súa carreira científica”.

 

Primeiros tres anos


Durante os primeiros tres anos, os beneficiarios recibirán ata 34.300 euros ao ano e, a maiores, terán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Con todo, durante os tres anos seguintes, despois de superar a avaliación intermedia, obterán 50.900 euros anuais, incluídos os complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.


Respecto a convocatoria de axudas para completar a etapa posdoctoral, a Xunta de Galicia concedeu un total de 19 axudas cun orzamento duns tres millóns de euros.


Como novidade este ano, o Goberno autonómico aumenta as axudas para o financiamento dos contratos posdoctorais, actualizando as contías para así incrementar o poder adquisitivo das persoas contratadas. l

A Xunta financia a 68 investigadores para que poidan traballar en Galicia

Te puede interesar