O Día das Letras Galegas está dedicado neste 2025 ás cantareiras; mulleres que coa música tradicional contribuiron a poñer en valor a nosa lingua e garantir a súa transmisión oral. Co obxectivo de dar a coñecer as agrupacións de folclore formadas por mulleres en Ribeira, a Concellería de Cultura fixo un chamamento baixo o proxecto As Roteiras Cantareiras.
A edil desta área, Antía Alberte, manifestou que o municipio ‘‘é rico en numerosos grupos de mulleres que levan anos cantando o seu variado repertorio e facendo diferentes actividades durante o ano ao longo do municipio’’.
Pola súa parte, o alcalde, Luís Pérez Barral, destacou o papel destas mulleres que ‘‘foron as primeiras transmisoras da cultura popular e da transmisión da lingua galega. As cantareiras o que facían era ensinarlle aos seus fillos e fillas novas expresións cun rico vocabulario que se preserva até o día de hoxe grazas ao traballo das mulleres’’.
Música galega de ruta
O roteiro levará o folclore a lugares emblemáticos das distintas parroquias e comezará no 27 de abril, en sesión vermú, con Bailadela e Sete Linguas de Aguiño, en Palmeira. Airiños da Guía e As Pandeireteiras de Carreira farán a súa actuación en Corrubedo e Olveira no 3 de maio.
No propio Día das Letras Galegas, 17 de maio, celebrarase un pasarrúas en Ribeira con Tahume e Bailadela e Sete Linguas estarán na praza da Porta do Sol. Xa o 24 de maio será a quenda de As Garridiñas e as Silvalveiras das Amas de Casa en Oleiros e Artes.
Tahume irá tamén a Carreira e Castiñeiras no 31 de maio; mentres que as Cantareiras e As Ferreñas pechan o ciclo no 14 de xuño en Aguiño.