“Retratos na memoria” captura a historia de vida dos usuarios do centro de día de A Pobra

“Retratos na memoria” captura a historia de vida dos usuarios do centro de día de A Pobra
Ofreceuse un pequeno avance das historias capturadas nos lenzos | Cedida

Fotografías e pinturas que amosan as facianas das persoas usuarias do centro de día da Pobra do Caramiñal. “Retratos na memoria” é o nome deste proxecto que xurdiu a finais do ano pasado entre o centro de día e a Concellaría dos Servizos Sociais. Paola González, tralo obxectivo da cámara, e Andrés Bernal, no lenzo, son os artistas encargados de capturar as dezaoito historias de vida.


E, para sorpresa de veciñanza e visitantes, hoxe ofreceuse un pequeno avance do que se poderá contemplar en novembro. Así, os Xardíns de Valle-Inclán convertéronse por unhas horas en sala de exposición.


A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, declarou que esta actividade é moi gratificante ao unir os ámbitos artístico e social: “reflexa a través das faccións, da imaxe dunha persoa, a súa propia historia de vida”. Trátase, polo tanto, dun programa terapéutico que contribúe á estimulación cognitiva ao formaren parte dun proceso creativo e reforzar a interacción social. Quixo, así mesmo, agradecer a implicación do centro de día e o traballo voluntario dos artistas.


Camelia Tubío, educadora social do dito centro, explicou que se pretende “dar visibilidade ás persoas usuarias que cada día acoden ao centro, ademais de que, a través dunha fotografía ou un lenzo, tamén se pode proxectar a súa historia de vida”. E a iniciativa tivo moi boa acollida entre familias e persoas usuarias como así se puido constatar a través da testemuña de Ángeles Chaves, para quen esta experiencia resultou enriquecedora e agarda poder repetir en futuras ocasións.


Os retratos aínda están en fase de elaboración e, unha vez remate, previsiblemente no mes de novembro, poderán visitarse na casa da cultura Raquel Fernández Soler. 

“Retratos na memoria” captura a historia de vida dos usuarios do centro de día de A Pobra

Te puede interesar