Roberto Abuín | “Para a xente con discapacidade, Ecobrigadas é unha gran oportunidade”

Roberto Abuín | “Para a xente con discapacidade, Ecobrigadas é unha gran oportunidade”
Roberto Buín enrolouse no proxecto das Ecobrigadas en 2019 | Cedida

A Asociación Amicos puxo en marcha no ano 2011 o proxecto de inclusión Ecobrigadas, co que buscaba xerar un emprego protexido a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social no que puidesen adquirir competencias e experiencia para a súa inserción no mercado laboral ordinario, e no que participa Roberto Abuín, de 38 anos.


Doce anos despois, as Ecobrigadas contan con máis de quince persoas especializadas nas áreas forestal, xardinería, obra civil e conserxería; cun corpo técnico que coordina, forma e presta apoio aos equipos. Con esta iniciativa, Amicos afonda dúas das súas metas principais: Ofrecer oportunidades e dar apoio aos proxectos de vida de persoas con discapacidade intelectual; e a mellora medioambiental.

 

Como chegaches ás Ecobrigadas? Canto tempo levas formando parte do equipo?
Cheguei a Amicos no 2019, cando fun a anotarme en emprego. Aí axudáronme e orientaronme laboralmente co currículo, buscaban empresas nas que puidera encaixar... Íbanme chamando segundo os traballos que fosen aparecendo, estiven uns nove meses nunha fábrica de atún e despois chamáronme para Fábrica social. Un tempo despois, preguntáronme se me interesaría un curso de xardinería e aí me anotei, e despois xa comecei coas Ecobrigadas.

 

Que labores adoitas realizar? En que área?
Eu estou na Ecobrigada forestal. Agora estamos con plantacións de pinos en Rois, limpeza e desbroce de zonas, tanto na comarca do Barbanza como fóra.  

 

Por que zonas adoitades traballar? Como é un día normal nas Ecobrigadas?
Nuria, a encargada das ecobrigadas, reparte as tarefas e comunícallo aos capataces, que son os encargados de, á súa vez, organizar o traballo dentro de cada equipo. O noso horario é intensivo de mañá. E os venres vimos polo centro porque temos que limpar e deixar listos os apeiros e as furgonetas para comezar a semana de novo o luns.

 

Recibides formación cada certo tempo? En que áreas?
Formámonos en xardinería, forestal e formación sobre os distintos apeiros que utilizamos no traballo. Non sendo na época da covid, que todos os cursos eran online, o resto adoitan ser 50% teórico e 50% práctico. E cada duda que teño, acudo a Nuria.

 

Que consideras que é o máis importante do teu traballo?
Mantemento e bo facer, que quede o traballo curioso e que a persoa que contrata quede contenta para que nos volva chama.

 

Dende que eres membro deste equipo, consideras que estás eres máis consciente sobre o coidado do medio ambiente?
Estivemos coa limpeza de ríos polo verán e ata había unha bicicleta! Cando vexo iso penso que a xente utiliza os ríos e os montes como un vertedoiro e dalles exactamente igual.

 

Que consellos lle darías a unha persoa que queira entrar a formar parte das Ecobrigadas?
Que se quere traballar na ecobrigada, veña ata Amicos e se anote. Se o collen ten un bo traballo e estable. Despois, consellos máis prácticos… pois que non se preocupen pola forza porque coa desbrozadora pouca forza fas (risas).

 

Pensas que esta experiencia pode mellorar as túas posibilidades de atopar un emprego no futuro? Por que?
Home, se é un emprego relacionado sí, ao final isto é experiencia.

 

Que che gustaría destacar deste proxecto?
Para a xente con discapacidade é unha gran oportunidade. Nun traballo ordinario, o máis normal son contratos de poucos meses. Se non fora por Amicos eu estaría no paro, grazas á asociación teño un bo traballo e uns ingresos. E ao final, ter un traballo faite sentir útil.

Roberto Abuín | “Para a xente con discapacidade, Ecobrigadas é unha gran oportunidade”

Te puede interesar