Amadeo Serantes (Cuco) é o tesoureiro da Comisión de Festas de San Roque do Monte (San Miguel de Deiro, Vilanova). Hai tres anos que colleron as riendas desta celebración para que non se perderan e hoxe fálanos da famosa Carreira de Burras, do seu presente e futuro.
Este é o terceiro ano que organizan a festa. Por que decidiron coller as riendas?
Collémola 20 días antes da festa porque non había quen a fixera e foi un “boom”. Rematamos máis rápido en 20 días que agora en mes e medio. Non sei como puidemos facer. Case todo o mundo colaborou. Había xente que xa che traía os cartos á casa, co susto de que non había festa.
A deste ano cando se vai celebrar?
O 6, 7, 8 e 9 de setembro. Acabamos de empezar a pedir pola parroquia e con bastante bo pé. Os veciños pórtanse ben. Desexariamos facer un cartel moi bo, pero hai que limitarse, porque está todo disparado. Temos colaboración de casas comerciais, que é unha axuda moi importante... vendemos lotería... unhas rifas... e é o que nos dá a vida.
E que podemos adiantar do que vai haber nesta edición?
Coma sempre, o sábado os santos que están na igrexa baixarémolos para a capela, cun grupo de gaitas. O domingo, a misa en honor a San Roque, pola noite a verbena con M5 e Cabaret e a procesión pola tarde. E o luns xa é o día máis complicado, é o día das burras. O ano pasado foi unha avalancha de xente e temos que estar un pouco preparados porque case se nos foi das mans. Temos que ter todo moi ben controlado por se pasa calquera cousa. Pola noite temos as orquestras Acordes e Osaka. E o último día trasladamos os santos á igrexa, hai procesión, uns mexillóns para convidar e pola noite, verbena con Ritmo Xoven e outro grupo.
Cóntenos como é a Carreira das Burras, que é o principal atractivo.
Vén un señor que as trae de cerca de Padrón. Hai que inscribirse, e vennos acompañar Xacobe Pérez, que é o presidente da Asociación dos Burros Fariñeiros. Hai categoría masculina e feminina e faise un percorrido alí arredor do recinto da festa. Son sobre 200 metros.
E prepáranas para correr ou non?
Non, que va. Cada xinete escolle a que quere. Nós tomamos nota do xinete e do animal... Pero é moito follón, tanta xente... E claro, nós agora, con case 70 anos, somos dos máis novos, imaxina. E despois temos unha colaboración coa directiva do equipo de Deiro, que nos poñen a cantina. O do sábado encárganse eles de traer unha disco-móbil e xa é un alivio.
Entón a festa ten futuro?
Eu creo que si. O que pasa é que tamén animamos á mocidade a que colabore un pouco. Porque non imaxinas os quilómetros que facemos. Iso xa non é a ruta do colesterol, porque é patear, patear... Casa por casa a pedir... A parroquia é bastante grande.
"Hai tres anos collemos a festa 20 días antes de que se celebrase, porque non había quen a fixera, e a xente traíanos os cartos á casa"
A ver a carreira vai xente de toda Galicia, non?
De todas partes. De A Illa, de Vilagarcía... Non sei por que. Pero chama a atención. Sacar non se pode sacar, porque entón si que perde todo o mérito a festa de San Roque.
E hai algunha burra que gañase varios anos seguidos?
Si. Hai unha que, desde que estamos, gañou todos os anos. Esa si que é producto de alí da casa. É unha superdotada. Coa mesma persoa que a monta. Xa se coñecen e teñen todo moi controlado.
Hai uns anos houbera unha recollida de sinaturas para pedir que a carreira non se celebrase máis, alegando que se maltrataba ás burras. Que pode dicirnos disto?
A nós non nos chegou. Preguntámoslle a Xacobe Pérez e díxonos que, de momento, nada. Aínda que estamos preocupados, porque pode xurdir que teñas todo preparado e veñan e nola paren. Noutros sitios creo que tiveron bastantes problemas, pero a nós de momento ninguén nos notificou nada.
Están os animais ben tratados?
Si, si. Tenos todos con microchip, e está prohibido xa tocarlles. Antigamente si que era un pouco violento, con paos e esas cousas. Pero iso témolo nós máis que prohibido. Sen tocarlle ós animais para nada.
Cal é o premio para o gañador?
250 euros para o primeiro, 150 para o segundo e 100 para o terceiro. E, despois, unha casa comercial de Moraña dalles un saco de pienso.
Canta xente adoita participar?
Ó mellor 10 ou 12 en cada categoría. O ano pasado había moitos máis, pero xa non tiñamos nin cascos para todos. Por xente iría moita máis, pero tampouco é cuestión de aglomerar, porque se non tamén é un problema. O luns é o día que máis medo lle temos. Pode pasar calquera cousa, porque hai moita xente.
Entón animamos á xente a ir?
Si, a xente que veña. Nós imos falar co Concello e coa Policía Local, para que nos valen e controlen un pouco. Tamén estamos en contacto a ver se nos poden poñer unha ambulancia unhas horas, polo que poida pasar.
Que máis lle gustaría facer na festa, se tivese posibilidade?
Ter orquestras mellores, facer actividades diferentes, máis modernas... Pero é complicado. Nós xa estamos no límite, pero estaremos aquí ata que veña o relevo.