Cambados distingue a título póstumo a Xosé Manuel Millán co Premio Cabanillas

Cambados distingue a título póstumo a Xosé Manuel Millán co Premio Cabanillas
O edil de Cultura, Liso González, participou no acto de presentación do premiado | Gonzalo Salgado

O Premio Ramón Cabanillas que concede o Concello de forma conxunta coas librarías de Cambados recaerá este ano en Xosé Manuel Millán Otero, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, “gran poeta e estudoso da literatura galega” e tamén do propio Ramón Cabanillas. Será así a primeira vez que se entregue o galardón a título póstumo, xa que Millán finou no ano 2020.


Así o anunciaron esta mañá Ramón Domínguez, propietario da antiga e emblemática libraría Ramón Cabanillas e Beba Moldes, de Contos, que crearon de forma conxunta este galardón e que estiveron onte acompañados por o concelleiro de Cultura, o nacionalista Liso González. Será así a vixésimo primeira entrega do Premio Ramón Cabanillas no que é unha edición especial, xa que, a partir de agora, o Concello asumirá integramente a organización do galardón, despois de que os seus fundadores, de “forma voluntaria”, tomasen a decisión de dar un paso ao lado: “Foron eles quen o puxeron en marcha, quen o engrandeceron e quen incluso sufriron a competencia desleal por parte do Concello”.


Premiado

 Así pois, a organización optou este ano por recoñecer  “a un dos poucos que quedaban como estudosos de Cabanillas”. Cabe subliñar que Millán Otero dedicou estudos a diversas figuras da literatura galega e participou en obras colectivas como a ‘Historia da Literatura Galega’ (1996), editada por A Nosa Terra, onde publicou diversos artigos, como ‘O anuncio dos novos tempos: Ramón Cabanillas’ adicado ao escritor cambadés.


Como poeta publicou ‘Este é o tempo do sal’ (1991) e As palabras no espello (1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón; Ode menor ao gran mascato Bernardino Graña cando se eleva sobre as terras do Morrazo (2010), As cinzas de Pasolini (2018). Tamén tivo unha fonda pegada na política, sendo alcalde de Moaña entre os anos 2003 e 2011.


A gala de entrega será o día 7 de xuño no Auditorio da Xuventude e, como é habitual, terá lugar un acto poético e musical para amenizar a xornada. 

Cambados distingue a título póstumo a Xosé Manuel Millán co Premio Cabanillas

Te puede interesar