Nas comarcas de O Salnés e O Barbanza aínda hai máis xente que se comunica sempre en galego que a que só usa o castelán, pero non son alleas á tendencia galega e que hai un par de semanas levou á Mesa pola Normalización Lingüística a lanzar a “alerta vermella” respecto á caída no uso da lingua nos últimos cinco anos porque, por primeira vez na historia, perde falantes fronte ao castelán. No seu caso, nun 6% e un 14%, respectivamente.
Co propósito de frear esta situación e de revertela, o Concello de Cambados está a preparar unha programación estable anual, non só para momentos puntuais: “Vémonos na necesidade imperiosa de poñer en marcha actividades e campañas de sensibilización para englobar aos diferentes ámbitos da sociedade, empezando polos colexios, escolas de música, comercio, servizos públicos, etc.”, explicou a concelleira responsable, Mar Pérez. Comezarán co reparto entre o comercio de “materiais atrativos”, como unhas etiquetas para colocar nos agasallos de Nadal que merquen os clientes con lemas como “Quérote”, “Parabéns”, etc.
Para levalo adiante, mantivo un encontro co presidente da Mesa, Marcos Maceira, quen destacou que é importante que o pobo galego “se mobilice”, pero isto “debe ter receptividade por parte das administracións”. De feito, agradeceu a implicación do Concello, “non para ser un simple acto propagandístico a favor do galego se non para comprometerse realmente coa lingua e garantir, na medida das súas posibilidades, que se poida usar o galego en todo e para todo”. Isto empezando polos servizos públicos e todas as súas áreas, garantindo ademais o dereito da cidadanía a empregalo, suliñou.
Aproveitando a súa presenza na vila, onte presentou o seu libro “Liberdade para O Galego” na Casa da Calzada.