Carlos Chaves: “Imos recuperar a memoria histórica de Dorna, vai cumprir 50 anos e non hai arquivo”

Carlos Chaves: “Imos recuperar a memoria histórica de Dorna, vai cumprir 50 anos e non hai arquivo”
Carlos Chaves, onte, na súa primeira entrevista como presidente da asociación | G. S.

Carlos Chaves é ben coñecido en A Illa. Leva toda a vida vencellado ao mar e ao xadrez, disciplina esta na que comezou alá por 1986, sendo responsable da sección de Xadrez da Asociación Cultural e Deportiva Dorna dende hai anos. Foi concelleiro e voceiro do BNG e agora dá un paso adiante para presidir  a asociación no seu conxunto. Con preto de 400 socios —só 150 na sección de baloncesto—, Dorna  é unha institución na vila e un dos colectivos máis lonxevos da comarca, estando a piques de cumprir medio século de traxectoria.

 

Como comezou a súa relación co xadrez?

É unha afección que tiven sempre.  Xogar federado é un pouco unha droga. Agora xa empeza a fallar a cabeza, non da para moito (ri), pero adaquela xogabas a liga, torneo do Albariño, por equipos... gustábame moitísimo. E o ambiente do xadrez é marabilloso, unha pasada, tes amigos boísimos por toda Galicia. Cada vez que vas xogar a un sitio, estás dando apertas e saúdos.

 

Como da o paso para poñerse á fronte da directiva de Dorna?

Esa é a historia da miña vida. En case todos os “fregados” nos que estiven sempre me meteron outras persoas. Primeiro comeza cun “bótanos aquí unha man” e despois vai un “dalle para adiante que tes que quedar ti á fronte” (ri). E non dis que non, porque semellan retos interesantes. Salva (Salvador Allo, anterior presidente de Dorna) no seu momento antes da pandemia díxome: “Mira, tes que ser ti o próximo presidente”. Dicíamo de broma, pero ía en serio. Tras a pandemia, Salva dixo que quería o relevo, xa estivera aguantando máis do que el quería.

 

E ao final foi unha candidatura de consenso.

Si. Non presentamos xa unha candidatura como tal, senón que en cada sección fomos dando os nomes da xente que quería anotarse. Sacamos unha lista conxunta e logo reunímonos para tentar sacar ao presidente e ao resto dos cargos directivos. E entón xa o resto da xente foi: “O presidente vas ser ti”.

 

Ou sexa, por aclamación, literalmente.

Pero dígocho sinceramente: Para min é unha honra, un privilexio. Eu a Dorna téñolle un cariño inmenso. É un dos colectivos máis importantes deste pobo, con case 50 anos de funcionamento e que fixo e fai moitísimo pola Arousa. É un orgullo estar aquí, hai que estar agradecido a quen confía en ti para esta responsabilidade, a ver se somos capaces de estar a altura das circunstancias.

 

Si, porque en A Illa, está o Concello, a Confraría e logo colectivos coma Dorna son case institucións.
Si. Están as asociacións de mexilloeiros, o Céltiga e despois Dorna. Esta asociación abrangue moitísimas cousas. Houbo un momento no que arrincou cos deportes, no tempo da ponte. Hai baloncesto e xadrez, pero houbo tenis de mesa, fútbol gaélico, piragüismo... Logo, no eido da cultura, baile, música tradicional, fíxose cinema, audicións, teatro... E, despois, está a navegación tradicional. É inmenso o que aí teñen, un patrimonio vital, un traballo durísimo, desde a primeira Volta á Arousa. Foi a primeira regata de vela tradicional en Galicia, de aí naceu todo o que agora hai a nivel galego neste campo, de todo o traballo da xente que nos precedeu en Dorna.

 

Que obxectivos se marcan nesta nova etapa da asociación?
O primeiro é seguir pola vía do traballo feito nestes últimos anos: Neste tempo colleuse a todas as seccións, uníndoas e levándoas nunha dirección. Iso fortaleceu moitísimo a Dorna. Ese traballo hai que seguir con el, que a asociación funcione como unha institución. Ademais, hai que actualizar a lista de socios e mirar de conseguir contacto directo con todos. Agora custa moito traballo chegar a todos eles e hai que facelo máis e mellor. Hai socios que pagan as cotas e non sabemos nin quen son. Tamén temos que actualizar o inventario de patrimonio, non sabemos nin o que temos! Por exemplo, sábese que alí, naquel armario, está o de xadrez... pero non pode ser así, debe haber un control, inventariar todo, tasalo e dicirlle aos socios: “Mirade, isto é todo o que temos”. Así tamén evitamos que se perda material. Seguiremos actualizando o estado de contas, presentando resumo de actividades, propostas para os seguintes anos...

 

E agora que falta menos, pensar algo polo cincuenta aniversario?
Pois mira, a idea que temos é tentar recuperar a memoria histórica de Dorna. A asociación foi bastante maltratada estes anos pola administración local nalgúns aspectos. Desde que caeu a casa de cultura no Regueiro andaron con Dorna dun lado para outro, pero unha parte importantísima da memoria histórica deste colectivo quedou polo camiño. Non sabemos se existirá aínda sequera a acta fundacional. Hai que mirar unha caixa con material que temos. Hai que ver todo o que hai, falar coa xente que fundou Dorna... A min, particularmente, gustaríame charlar con persoas que estiveron historicamente nas direccións das diferentes seccións, ver como arrincaron, recompilar anécdotas, recabar fotografías, documentos... Si, Dorna naceu entre o 77 e o 79, realmente estamos a poucos anos dese 50 aniversario e é unha mágoa non poder presentar un arquivo de documentos.

 

Fai falta máis apoio institucional para Dorna? 
No deporte estamos a través da Fundación Deportiva, pero a nivel cultural estamos deixados da man de Deus. Temos que tentar que se nos valore máis, firmar convenios e tamén temos que poñer en valor ese inmenso patrimonio da navegación tradicional. O de poñernos en valor tamén vai por mellorar a nosa comunicación e redes sociais, hai que dar a coñecer todo o que facemos, porque non é pouco: Parece que como estamos aquí e todo funciona, non hai traballo. Hai pais que ata cuestionan que haxa que pagar un carné de socio para xogar ao baloncesto. Evidentemente, non se dan de conta do duro que é, a loxística, as cuestións legais, o traballo, os cartos e o esforzo que hai detrás de todo.

Carlos Chaves: “Imos recuperar a memoria histórica de Dorna, vai cumprir 50 anos e non hai arquivo”

Te puede interesar