Carlos Viéitez | “A fractura que hai agora en Meaño antes non existía: Quero que o pobo se volva unir”

Carlos Viéitez | “A fractura que hai agora en Meaño antes non existía: Quero que o pobo se volva unir”
O rexedor meañés, no que xa é o seu despacho na Alcaldía | Gonzalo salgado

Carlos Viéitez recíbenos no despacho da Alcaldía máis incerta de O Salnés ata hai unha semana. As eleccións deixaron un escenario aberto que o PSOE terminou decantando ao non presentarse á investidura. Cun goberno en minoría, o popular púxose a traballar desde o primeiro momento, comezando por pensar a estrutura organizativa do Concello e por despachar as actividades máis inmediatas: Os campamentos de verán e a apertura da piscina.

Dixo tras ser investido rexedor que non tiña discurso preparado. Foi a Alcaldía en verdade unha incógnita ata o último momento?
Efectivamente. Ata o derradeiro intre houbo incertidume. E nerviosismo: Non sabiamos o que ía suceder. No momento da votación, o grupo socialista votou en contra das dúas formacións, Independentes (MI) e PP. E foi cando o PSOE non presentou candidato á Alcaldía cando nos demos conta de que tiñamos posibilidades para gobernar en minoría.

É esa a intención, un goberno en minoría?
Si, con acordos puntuais coa oposición.

Porén, no seu discurso citou vostede ao PSOE e iso deu que falar nestes días, incluso dun posible goberno cos socialistas.
Iso foi unha expresión directa, nese momento... Pero repito, e corrixo: A intención é gobernar en minoría, con acordos puntuais coa oposición.

Coa oposición, co PSOE, pero tamén con contactos con MI?
Cos dous, si. Ese é o obxectivo.

Pero despois de todo o acontecido, parte da veciñanza coida que puido haber un acordo entre PP e PSOE que non se revelou. Foi así?
Non. Houbo conversas, pero non chegaron a fructificar. De feito, como dixen, non sabiamos que ía suceder. Se houbera pacto, tivéramolo sabido e eu tería un discurso preparado, por exemplo.

Houbo celebración tras conseguir a Alcaldía, logo de tantos días de interceza?
Eu son bastante comedido nese aspecto... Para min é todo un honor ser o alcalde de Meaño. Adicarei o máximo esforzo, compromiso e traballo moi duro para os veciños. Estou seguro de que entre todos, xuntos, conseguiremos que Meaño sexa o mellor lugar para vivir, do que nos sintamos orgullosos.

Cre que hai algo de fractura política na localidade neste momento?
Si. Son realista. A miña ilusión sería volver unir a vila. Fun xuiz de paz durante doce anos e a fractura que hai agora, antes non existía. Quero que o pobo estea unido e que a xente se sinta orgullosa de ser de Meaño .

Desde a investidura, houbo algún contacto con algún dos dous grupos?
A día de hoxe (xoves, xornada na que se fixo esta entrevista) non. Para a semana comezaremos a constituir o goberno e logo xa iniciaremos os contactos puntuais.

A pesares do divorcio case diría traumático entre PSOE e MI neste momento, o goberno popular está en minoría: Teme que a oposición poida chegar a acordo e sacar adiante unha moción de censura ao longo do mandato?
A situación é complicada, si, pero, polo ben de todos, dos veciños, espero que nos deixen gobernar en minoría, con eses acordos puntuais dos que estamos a falar.

Ten xa pensado como será ese goberno íntegro do PP? Algo que nos poida adiantar?
Téñoo estructurado, pero debo facer unhas pequenas matizacións. Penso que nos vindeiros días podería telo totalmente configurado.

O asunto das liberacións e salarios, vai quedar máis ou menos como estaba ou haberá cambios importantes?
Hai un orzamento para este ano e ese documento limita xa a capacidade de reacción nos seis meses que quedan. Os cambios principais notaranse no orzamento do ano que vén.

Este novo goberno, cal quere que sexan as súas prioridades?
Eu comprométome a traballar duro para mellorar a calidade de vida dos veciños, independentemente da súa ideoloxía e sempre, sempre, como un veciño máis. Desde a proximidade e o diálogo. Teño claras tres cousas: Quero cambiar o sistema de gobernar, mellorar os servizos básicos para todos, sen distinguir cores políticas, e deseñar unhas intervencións estratéxicas de futuro para o concello.

E en canto a actuacións e obras?
Temos que ser conscientes de que o orzamento deste ano está limitado. Hai obras que xa están en execución e temos que sacar adiante: Unha praza que hai entrando en Dena, a estrada en Lores, cara a igrexa; e logo darlle unha volta á actuación de accesibilidade xunto ao colexio de Dena. Tamén estamos tentando levar a cabo a reforma do palco para a Banda.

En servizos, queda algunha actuación básica pendente?
Temos un plan de mellora e mantemento de pistas, cunha cuadrilla permanente. Logo hai zonas puntuais que aínda carecen de saneamento, así que outro obxectivo nestes anos é chegar case ao cen por cen. E o suministro de auga, ímolo impulsar, sobre todo na zona de Simes.

Carlos Viéitez | “A fractura que hai agora en Meaño antes non existía: Quero que o pobo se volva unir”

Te puede interesar