Crónica | “O soño de que Vilanova sexa a Stratford española xa non parece tan quimérico”

Crónica | “O soño de que Vilanova sexa a Stratford española xa non parece tan quimérico”
Rafael Álvarez, El Brujo, interpretando “En el alma de Valle-Inclán” | Mónica Ferreirós

A primeira vez que oín falar do Festivalle foi nunha xuntanza á que me convidaron no pazo de Vista Real. Estabamos a punto de saír da pandemia e no vello solar dos señores Martínez de Orense xuntáronse directivos de Amigos de Valle Inclán, como José María Paz Gago, José Luis Méndez Romeu, Alicia Padín e Francisco Charlín co alcalde, Gonzalo Durán, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Íase organizar unha función de Rafael Álvarez el Brujo, que levaba por título “El alma de Valle-Inclán”, pero aínda quedaban varios cabos por atar para tentar poñer en marcha unha semana de teatro dedicada á obra de Valle.


A idea parecía perfecta porque sería un paso trascendental no obxectivo de converter Vilanova na shakesperiana Stratford hispano-galega. A min parecíame que existía unha intención moi saudable de sacar adiante o proxecto, pero temín que poidera quedar nun de tantos experimentos que se estancan por falta de apoios. Había un argumento para o optimismo: as institucións culturais non deberían negarlle financiamento a un certame teatral en Vilanova, pois sería tanto como negárllelo a Valle.


El Brujo abreu o camiño a un acontecemento que nin a alma de Valle-Inclán podía fantasear. Tres anos despois daquela xuntanza en Vista Real vemos pasar polo auditorio ás mellores compañías representando obras teatrais do xenio do Cuadrante. Esta semana, concretamente, subiron ó escenario todas as representacións que se estrearon en Galicia e en España enteira. Pedro Casablanc, co seu Valle-Inclán, según Gómez de la Serna acapara este ano premios incontestables; Morfeo teatro quixo pechar aquí a súa xira anual e El Brujo volveu impregnar a atmosfera de maxia escénica. Aínda falta a Testa do Bautista dun Centro Dramático Galego que se apunta de grande gusto a este festival. 


Vilanova non presume de nada, somos os vilanoveses quen presumimos de Vilanova. Os Amigos de Valle, xunto co Concello e Consellería poden alardear de que, en dous anos, o Festivalle está consolidado. Sempre quedarán aspectos por mellorar, como o de realizar algún espectáculo ó aire libre ou repetir alguna función para que ninguén se quede sen desfrutala. Pero o obxectivo principal de difundir a figura e a obra de Valle Inclán está conseguido. 


O soño de que Vilanova sexa a Stratford española non semella xa tan quimérico. Tampouco hai que obsesionarse con paralelismos shakesperianos. O caso é que O Salnés quere teatro, os nosos visitantes queren teatro tal como se demostra función tras función co auditorio repleto. E Vilanova quere, merece ser a sede do valleinclanismo universal que un día soñara Torrente Ballester.

Crónica | “O soño de que Vilanova sexa a Stratford española xa non parece tan quimérico”

Te puede interesar