O galego segue a ser minoritario nas inscricións funerarias pero os últimos datos apuntan a un progresivo incremento nuns tempos no que o uso da lingua está en decadencia. Así, tras analizar a situación nos camposantos das parroquias de Ribadumia e Meis, onde a profesora Ana Belén Vázquez Pardal fixo unha radiografía, a filóloga Patricia Sóñora toma o relevo para documentar a situación de Meaño, onde se está rexistrando un 5% no aumento do uso da lingua nos cemiterios.
Trátase dun proxecto que nace con vocación autonómica e que percorre Galicia con libreta, bolígrafo e teléfono, realizando un auténtico “paseo investigador” polos cemiterios locais. O seu obxectivo: visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo pormenorizado no que se poida observar a evolución do uso da lingua en todos os ámbitos.
Así, o equipo de visualización no que participan de maneira altruísta unhas cen persoas repartidas polas catro provincias chegou a Meaño por iniciativa da filóloga Patricia Sóñora, natural do municipio saliniense.
As primeiras observacións realizounas nestes días pasados nas parroquias de Simes e San Xoán de Meaño, onde o estudo das inscricións feitas por 187 familias mostrou que un 5% abriron as portas ao uso do idioma galego. O proceso está máis avanzado na parroquia principal de San Xoán de Meaño, onde se alcanza un 7,2%, unha cifra lixeiramente superior á media galega. Dun total de 110 familias, son xa 8 as que superaron o tabú que impedía redactar en galego as palabras de recordo. Trátase aínda dunha fase preliminar do estudo da situación de Meaño que continuará nos próximos días.
Ata o de agora, o municipio onde se rexistran uns datos máis positivos para o uso de galego nos camposantos é en Rianxo, onde o 18,08% das lápidas utilizan a lingua nas inscricións. En todo caso, os datos de Meaño si superarían os acadados en Ribadumia e Meis, onde se rexistraron tódalas parroquias e onde se evidenciou o legado don Dositeo como sacerdote das parroquias de Leiro e Ribadumia, onde se observou un incremento importante no uso da lingua. Toda a información do estudio está dispoñible nun mapa aberto presentado polo Consello da Cultura Galega.