O festival “Goza coa túa Lingua” cita a polifacética Sés e ao grupo Quempallou

O festival “Goza coa túa Lingua” cita a polifacética Sés e ao grupo Quempallou
A artista galega actuará no parque do Espiñeiro en Portonovo CEDIDA

O Parque do Espiñeiro en Portonovo acollerá o vindeiro sábado 24 de setembro o I Festival pola Normalización Lingüística “Goza coa túa Lingua” que dará comezo ás 22 horas e citará sobre o escenario ao grupo Quempallou, financiado pola Deputación de Pontevedra, e á polifacética artista Sés.
Sandra Fernández Agraso, concelleira de Normalización, confía en que esta proposta lúdico-cultural sexa do agrado dos veciños de Sanxenxo e o concerto acade a afluencia de amantes destes estilos musicais que se rexistrou nas actuacións que Sés estivo a facer este verán. A concelleira pretende con esta proposta por en valor a música e as expresións artísticas feitas en Galicia e que utilizan o galego como canle de expresión.
A edil nacionalista convida a gozar dunha velada musical diferente falando e cantando en galego e agradece á Deputación Provincial a súa colaboración nesta iniciativa asumindo o caché dun consolidado grupo folk como Quempallou.
A de Sanxenxo será a última actuación da polifacética Sés en Galicia con “Tronzar os valos”, xa que a final deste ano sacará ao mercado o que será o seu cuarto disco. Á vila turística Sés chegará coa súa banda completa, un total de oito músicos sobre o escenario que contribúen a que os seus directos sexan espectaculares. María Xosé Silvar, “Sés” (A Coruña, 1983), está licencia en Filoloxía Galega e aproveitou as súas dotes para o ensino para canalizar a súa creatividade a través da música. Pero tamén traslada nas letras das súas cancións a súa disconformidade coas desigualdades entre homes e mulleres, así como a desidia e a indiferencia do mundo actual.
Sés estase a converter nun icono referencial no que a defensa do galego se refire, xa que fala sen tapuxos dun “autoodio estúpido e infundado” que persiste na sociedade actual e que demoniza a utilización da lingua galega en determinados ambientes cotidiáns. 
O seu orgullo de seren galega, a súa audacia compositora, a súa vitalidade e a frescura da súa xuventude son a combinación perfecta para que os concertos desborden paixón e potencia cuns temas que cuestionan todo o convencional. Porque Sés é calquera cousa menos convencional pero si comprometida coa realidade e cos problemas sociais.
Quempallou, grupo xa consolidado e aportado a esta iniciativa cultural pola Deputación de Pontevedra, apareceu na escena musical galega cun proxecto folk que pretende desenvolver os ritmos tradicionais tentando conservar a súa frescura orixinal. Os integrantes de Quempallou, nativos seis deles de Bueu e dous do Incio, teñen dado numerosos concertos en Galiza e Portugal.

O festival “Goza coa túa Lingua” cita a polifacética Sés e ao grupo Quempallou

Te puede interesar