“Hai listas que tentan levar a Jorge Domínguez como un Cid Campeador”

“Hai listas que tentan  levar a Jorge Domínguez  como un Cid Campeador”
Diario de Arousa-2015-04-30-014-05e7bcd1

José Manuel Aspérez, veciño de Simes, ten 43 anos, é asesor fiscal e contable e lidera o regreso dunha lista independente a Meaño co precedente histórico do equipo que derrotara ao PP na consecución do primeiro mandado como alcalde do desaparecido Jorge Domínguez, máis de dúas décadas atrás. A figura de quen recibira o título póstumo de Alcalde Perpetuo da vila plana ao longo de toda a conversa.

É a súa primeira vez en política. Como entra un nisto?
No meu caso, como veciño, como integrante que fun dalgunha asociación e como actual presidente do clube Asmubal vas notando en conversas coa xente ese malestar e falta dun goberno máis próximo aos cidadáns, que non tome as decisións unilateralmente. A política non me desgusta, segues falando con amigos e daste de conta que ao final podes formar un equipo razoable para tratar de gobernar co apoio dos veciños.

Ven partido en Meaño, entón?
Si. Ata o 24 ás oito da tarde. Depois verase se os veciños acolleron ben a nosa mensaxe e conseguimos cinco, seis, sete ou os edís que sexan. Ou ao mellor non a recibiron ben e logramos un, pero imos pelexar co obxectivo de gobernar.

Meaño Independiente nace como resposta á política do PP ou á da alcaldesa?
Á política da Alcaldía, que causou ese malestar e descontento que vemos nos meañeses.

Pero tiveran dado o paso se        Lourdes Ucha non tivera collido a Alcaldía?
Non temos nada en contra no persoal senón na forma de facer política. Se en vez de Lourdes Ucha o alcalde fora Pepe Pérez e Pepe Pérez gobernase como goberna Lourdes Ucha pois seguramente estariamos dando o paso igualmente.

É diferente a forma de gobernar da alcaldesa da de Jorge Domínguez?
Non sei se dicirche isto...

Eu prefiro que o diga, claro.
Creo que se Jorge Domínguez estivese vendo como se goberna hoxe, el mesmo estaría dando este paso. E creo que se estivese vendo como goberna a persoa que pretende seguir a súa estela, estaría decepcionado.

Un exemplo a seguir, entón, o do anterior rexedor?
Jorge foi o mellor alcalde, posiblemente non haxa outro coma el. E por iso tamén é moi posible que o apoio que tivo dos veciños non o volva a ter calquera outro.

Hai unha pugna entre independentes e populares por ver quen representa a verdadeira herdanza política de Jorge Domíguez? Porque o PP leva na lista á súa viúva e vostedes a xente de confianza dalgúns dos seus gobernos...
Evidentemente, a nosa lista, para ser forte, tiña que ter persoas con certa relevancia profesional e de xestión. Pero dubido que na principal lista (en alusión á popular) estean todos aí despois dunha decisión tomada libremente.

Cre que se instrumentalizou?
Nós quixeramos que a figura de Jorge Domínguez non estivese presente na campaña. Quero subliñalo. Pero nesa outra lista hai persoas que van arriba e están a dicir que agardan non ter ningunha responsabilidade. Eu respétoo, pero semella que van polo que son, ou polo que foron, e que tentan levar a Jorge como a un Cid Campeador, que foi á última batalla daquela maneira... Na nosa lista os integrantes non van nela polo que foron, senón polo que serán, polo que poidan aportar...  

E no ideolóxico. Hai afinidade con ese ou outro partido?
Ideoloxicamente imos colocarnos ao carón dos veciños. E o que lles importa é que se presten servizos.

Esquerda, dereita?
Nin esquerda, nin dereita, nin de ningún lado. Temos xente que incluso milita en partidos diferentes.

Que supuxo esta lexislatura para Meaño?
Evidentemente, hai un punto de inflexión: O falecemento do anterior rexedor.  E iso que a nova alcaldesa non o tiña difícil, practicamente podía terse deixado levar sempre e cando estivese ao lado dos veciños. Pero xa non é que falte algo de trato co cidadán... É que directamente non hai.

E vostedes que propoñen?
Estamos a pechar conversas con todas as asociacións para recoller as súas inquedanzas: Esa proximidade da que falo é o noso principal obxectivo. Haberá algunha obra grande, pero dada a falta de ideas do goberno local  e o seu costume de pasar por onde nós pasamos, coller o que nos collemos e ata pensar o que nos pensamos, preferimos trasladar estas ideas cando comece a campaña.

“Hai listas que tentan levar a Jorge Domínguez como un Cid Campeador”

Te puede interesar