Domingo 26.05.2019

Jose Cacabelos | “O noso compromiso foi facer o PXOM que os veciños querían, pero a oposición quere o da imposición”

Candidato do PSOE DO grove O candidato socialista preséntase ás vindeiras eleccións municipais con varios proxectos en marcha e co convencemento de que o PXOM será unha realidade neste mesmo ano. Mantén a súa aposta por dotar a O Grove dun porto deportivo no que sería precisa a “colaboración” de Mar

O candidato socialista, Jose Caceblos, no porto do Grove | d.a.
O candidato socialista, Jose Caceblos, no porto do Grove | d.a.

O candidato socialista, Jose Cacabelos, (O Grove, 1970) preséntase ás vindeiras eleccións co obxectivo de revalidar á Alcaldía e a un concelleiro da maioría absoluta. Asegura que devolveron á “normalidade” á vida política e posicionanse cunha “nova forma de gobernar” na que os veciños teñen moito que dicir.

Cal é o balance que fai destes catro anos ao fronte do goberno?
Chegamos nun momento no que O Grove era un pobo con moita crispación, moita tensión e enfado coa política municipal polas decisións tomadas polo anterior goberno e de forma especial polo PXOM que xenerou máis de 4.000 alegacións, os semáforos de fotovermello e o proxecto do CICRI. Cando nós chegamos propuxémonos outra forma de facer política ao lado dos veciños porque percibimos que tiñan moita necesidade de que se lles escoitase. Nós non tivemos que esperar á campaña para reunirnos cos veciños. O noso goberno trouxo a normalidade política a O Grove dándolle protagonismo aos veciños.

Para que lle serviron estas reunións cos veciños?
Serviunos para recoller a necesidade dun cambio de pobo e de infraestruturas. Precisamente destas charlas xurde a necesidade dun Auditorio, algo que non nos plantexabamos no programa porque nos apostabamos por recuperar o Cine Marino, pero también sacar adiante o PEI do Centro de Día que vai ser en breve unha realidade, pero sobre todo darlle protagonismo aos veciños con peonalizacións e rúa pensadas neles. E sobre todo para levar adiante un PXOM por, para e cos veciños que foi ao que nos comprometemos.


Pese a isto, o PXOM non se aprobou neste mandato e esta na axenda do vindeiro goberno.
O compromiso foi facer o documento que os veciños querían e puxemos en marcha as charlas con máis de duascentas persoas. A día de hoxe estamos aplicando xa as correcións de máis de 150 erros detectados polos veciños e trasladadas ao técnico. A nosa intención é aprobar o documento que máis se aproxime ao que nos pedía a xente. Probablemente, non poderemos contentar ao 100% da poboación, pero si ao 95%. O PXOM queda listo para aprobar no segundo ou terceiro Pleno de mandato, pero aínda nos falta o informe preceptivo da Xunta para poder levalo. Estou seguro de que vai quedar aprobado este mesmo ano.

A oposición acusao de oscurantismo co documento e o seu apoio podería ser tamén clave no Pleno
A min me gustaría saber cal é o PXOM que quere a oposición. Na vida hai que aprender e na vida política máis e os tempos cambian e a forma de facer política tamén. Creo que a oposición quere o PXOM de antes, o de reunirnos os políticos cos técnicos e impoñerlles aos veciños o documento. A oposición leva un ano coa documentación e estamos esperando a que fagan algunha aportación ou a que fagan algunha reunión veciñal. Négome a facer un PXOM de imposición política, vai ser un documento social.Vámoslle mandar toda a documentación cos erros xa correxidos á oposición e nos vindeiros días vamos volcala na web para que se poida consultar.

O Auditorio vai ser unha realidade no vindeiro mandato?
O Auditorio xa é unha realidade, xa está adxudicado. Unha empresa recurriu a adxudicación primeira porque está no seu dereito, pero o que nos sorprendeu foi a decisión do Tacgal que nos obrigou a reiniciar o proceso. Dentro dun mes tras o prazo de alegacións podíamos estar falando xa do inicio da obra.

Outra das necesidades do Grove é o Centro de Día, que impediu que se levase adiante?
Fixemos unha modificación de crédito este ano para dotar o proxecto de 900.000 euros do Centro de Día e dende hai varios meses o equipo redactor leva varios meses coa súa modificación. Nesta semana xa poderiamos contar co proxecto definitivo e iniciar o proxecto de licitación, pero é bo facer memoria e recordar que o PEI botárono abaixo o PP, o PGD e Alternativa Meca no 2011. Nunca apostaron polo Centro de Día e non se retomou ata a nosa chegada ao goberno e foi cando reiniciamos todo o proceso con máis de oito informes favorables.

Que proxectos quedan pendentes para O Grove e que lle gustaría levar a cabo?
De cara ao futuro, hai un proxecto moi importante que é a conexión do vial de Monte da Vila con Xoán XXII, hai que continuar coas humanizacións no Grove, facer unha circunvalación e crear máis bolsas de aparcamento. Outro proxecto clave é o porto deportivo, pensado como un proxecto amplio que permita promover a economía.

Rescataría o proxecto para porto deportivo do 2010?
Si. Dende o 2010 segue no caixón un proxecto acordado por toda a sociedade do Grove e que supón trasladar o porto pesqueiro e bateeiro para detrás do helipuerto e dotar ao sector de todos os servizos que precisan como unha fábrica de xeo e instalar as dependencias dos mariñeiros. É unha vez feito isto iniciar a construcción do porto deportivo no antigo porto mariñeiro porque hai que darlle un impulso ao sector hostaleiro que están traballando a día de hoxe en precario. Un porto deportivo que estaría perfectamente integrado na zona comercial e hostaleira. Non sería preciso crear unha mariña nova porque o que temos xa nos serve como modelo de instalación na fachada atlántica. Este proxecto suporía unha reforma de toda a explanada do Corgo, pero ten que haber unha colaboración real de Mar.

Comentarios