A Libraría Ramón Cabanillas escribe o seu epílogo tras medio século

A Libraría Ramón Cabanillas escribe o seu epílogo tras medio século
Os propietarios da libraría, Tita Pintos e Ramón Domínguez, no seu establecemento de Rúa Hospital | mónica ferreirós

Se a Libraría Ramón Cabanillas de Cambados fose un libro, as súas cubertas serían os escaparates que miran cara a Rúa Hospital, non moi lonxe da casa onde viviu os seus últimos anos e morreu o ilustre poeta que lle dá nome; e o máis importante, a tripa, todo o interior, serían Ramón Domínguez e Tita Pintos, os seus orgullosos e amantes propietarios, que estes días escriben o epílogo do negocio. Porque a libraría máis antiga da vila e das poucas que quedan –a súa marcha rebaixa o número a tres– pechará as súas portas este mes, tras 35 anos de traxectoria que, en realidade, é medio século, porque o matrimonio déulle continuidade a orixinal, que estaba na Avenida de Galicia.

O tándem Tita e Ramón xubílase con adianto para comezar unha nova etapa vital deixando algún orfo no camiño. “Estamos recibindo moito agarimo dos clientes: que si nos van botar de menos, que non tiñamos que pechar, que si deberiamos esperar un pouco... Algúns xa case son amigos porque cando veñen charlamos e forman parte da túa vida. A todos lles debemos gratitude porque sen eles, todo isto no tería sido posible”.



Futuro do Premio Cabanillas


Non hai relevo xeneracional, pois o seu único fillo traballa no estranxeiro no sector das novas tecnoloxías, así que ofrecen o alquiler do baixo cun rechamante carteliño pegado na cristaleira. Pero a súa ilusión é que alguén recolla a testemuña, como fixeron eles hai tres décadas, para que “non se perda o nome” tras 50 anos nin outra referencia ao “poeta da raza” nas rúas cambadesas, e especialmente en Hospital, onde tamén desapareceu a taberna O Galo Negro, bautizada así, como un dos seus poemas, por un neto do ilustre. De momento, parece que non hai moita sorte pois, se ben, en canto se esapallou a nova do peche, dúas persoas xa mostraron interese, era para outro tipo de negocio.

A súa marcha tamén sementa dúbidas sobre a continuidade do Premio Ramón Cabanillas que cada ano conceden xunto a Contos e coa colaboración do Concello. “A ver se queren seguir”, conta Domínguez, que leva na organización dende o principio, cando a vila tiña máis librarías e no Día do Libro saían á rúa para ofrecer novidades editoriais e presentar autores. De feito, todo xurdiu coa xa desaparecida María Victoria Moreno, unha escritora cuxa “calidade humana e literaria” alaban ambos e, de feito, estas “conexións persoais” son os tesouros persoais que se levan. “Quizáis sexa o que máis imos botar en falta. Toda esa relación co mundo cultural, cos premiados nestes anos, a homenaxe na que xuntamos a Díaz Pardo e Neira Vilas, outro home marabilloso que durmiu na nosa casa e que logo nos enviaba cartas escritas coa súa máquina”.



Un novo rumbo para un mariño


Precisamente, as súas inquedanzas persoais pola literatura, a cultura e a defensa do galego –piden amablemente que esta reportaxe non se traduza– motivaron o seu embarque no proxecto da libraría, que foi un cambio un tanto radical para o que parecían destinados porque a oportunidad de collela apareceu no momento xusto. Ramón era oficial de radio na Mariña Mercante e cando naceu o seu fillo pensaron que eses meses de travesías fóra da casa non eran para a familia: “Queriamos crialo os dous xuntos”, explica o propio Domínguez. Así, os casados convertíronse tamén en compañeiros de traballo e, aínda que pareza un tópico, un case remata as frases do outro.



Anos de cambios


Recordan anos felices entre esas catro paredes cheas de libros hoxe en oferta de liquidación. “Sempre nos foi moi ben, tamén traballamos moito”, explica Pintos, que empezou a notar baixón coa crise do ladrillo e tampouco esquece os dous anos “nefastos” da pandemia e recorda tempos mellores para a literatura. “A xente nova non compra libros, cada vez len menos, e tamén baixou moito a venda dos de texto porque hai máis bancos de préstamo, agora teñen ordenadores... Pero co tema de papelería vas mantendo e ata o de agora nos defendemos ben”. Tamén recoñecen que eles xa están de retirada e agora sería preciso “alguén con ideas novas e tamén gañas de traballar” para que Ramón Cabanillas cumpra 50 anos máis. l

A Libraría Ramón Cabanillas escribe o seu epílogo tras medio século

Te puede interesar