Cambados - “Poderíase pensar: o PP foi despótico, pero bo xestor, pero non, e que ademais foi incapaz”

Cambados - “Poderíase pensar: o PP foi despótico, pero bo xestor, pero non, e que ademais foi incapaz”
Diario de Arousa-2015-05-19-011-67e7ddba

O alcaldable de Somos Cambados é Constantino no seu DNI, pero todo o mundo o coñece polo hipocorístico Tino, de apelido Cordal. Un cambadés de 45 anos, casado, con dúas fillas e nado ao carón do mar, en Fefiñáns, e di que non pode vivir sen el.  É a primeira vez que encabeza unha lista electoral co “mellor equipo de todos”, pero a súa vinculación coa política vén de antes e é diaria, como profesor na Universidade de Vigo, porque, resumindo o seu amplísimo curriculum, é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Hai 20 anos da súa primeira incursión na política local, por que regresa?
Son politólogo e para mín, a política despois da familia é o máis importante porque afecta a todo da nosa vida e nunca estiven desvinculado, empápome dela día a día, sexa activamente ou na ciencia política, no meu traballo. E o outro motivo é porque son cambadés ata a medula e unha persoa moi sensible ante as inxustizas e Cambados está moi necesitado de que nos impliquemos e participemos para mudar as cousas. Dende o principio tiña claro que quería participar neste proxecto novedoso e contra os vellos esquemas, que están caducos, pero a decisión de presentarme ás primarias non foi premeditada e tampouco fácil, pola familia, porque sei o que supón involucrarse en proxectos políticos e porque entendo a política como un servizo, non como unha profesión. O sano é que participe o maior número posible de cidadáns, que quede en mans duns poucos xera vicios que poden acabar en corrutelas.

Que ideoloxía ten Somos?
Somos antagónicos ao PP. Estamos primeiro cos de abaixo e apostamos polo progreso, non implica que non teñamos contactos co empresariado porque a realización dun proxecto precisa implicar a todos os actores.

Entende que haxa veciños que poidan pensar que son un segundo BNG?
Presenteime cunha candidatura do BNG hai 20 anos e na lista non hai ningunha persoa que fora concelleiro nin afiliado a un partido. Somos cambadeses con sensibilidade social e probablemente haxa xente que votou ao PP ou ao PSOE noutras eleccións ou que procede dos entornos   doutros, pero a identificación co Bloque non ten sentido.

A desconfianza nos partidos é crecente por que Somos é diferente?
Xurde como plataforma veciñal e impulsando o método asambleario e a participación aberta. Non hai unha cúpula que o decide todo, nin recibimos axudas, unicamente temos donativos de simpatizantes, nin sequera de empresas. Representamos a nova política e a cidadanía demandaba unha alternativa que respondera a un esquema como o noso.
Cal sería a súa primeira medida como alcalde?
Querería saber que familias non teñen cubertas as necesidades básicas, reunirme con elas e activar un plan que palíe esta situación.  

Por que debe haber un cambio? Son os veciños os que votan ao PP dende hai 28 anos.
O PP actuou dunha forma insensible cos veciños e fomenta o de que se queres traballar no Concello e que este che preste bos servizos, tes que ser do PP. E poderíase pensar, actuaron desa maneira clientelar, para manterse no poder, despótica e antidemocrática, pero son moi bos e Cambados creceu demograficamente, economicamente e os mozos non teñen que emigrar, pero non, ademais foron incapaces de xestionar e  levar este pobo ao progreso.

Pode destacar unha das súas 50 medidas?
O que máis me preocupa é axudar ás persoas que están en risco de exclusión social, estamos falando dun 30% da poboación, e logo a defensa de dous sectores básicos. O do mar era o motor de Cambados, o que máis aportaba ao PIB e o PP, está a deixalo morrer, non o quere ou non o sabe defender. Tamén é fundamental recuperar a sede do Consello Regulador da DO Rías Baixas, non hai razón para o contrario e a vila está a perder un bo número de postos de traballo e varios millóns de euros ao ano. De feito facemos un chamamento a únidade de todos os veciños nesta demanda, independemente da súa ideoloxía.

Implantarían algunha adicación exclusiva?
En principio non, pero se os cambadeses teñen a ben que sexa o alcalde –unha honra e unha alegría  para os que buscamos o cambio– pediría unha excedencia. Adicaríame ao cen por cen a xestionar o goberno. n

Cambados - “Poderíase pensar: o PP foi despótico, pero bo xestor, pero non, e que ademais foi incapaz”

Te puede interesar