Preservar a cultura intanxible de Cambados para non esquecer as orixes

Preservar a cultura intanxible de Cambados para non esquecer as orixes
Algúns dos moitos traballos de investigación elaborados por Leiro | Cedida

Poucos coñecen a historia de Cambados como Adela Leiro, docente durante catro décadas e estudosa da tradición da vila e, especialmente, da parroquia de Castrelo, onde exerceu como mestra de Ciencias —e de Galego de xeito esporádico— durante dezaoito anos. Alí, xunto co tamén docente Saúl Otero, impulsou unha labor de investigación para documentar esa cultura intanxible do pobo para preservar as tradicións e non deixar esquecer as súas orixes: “Agora non hai a quen preguntarlle, eu teño setenta anos e a xente da miña idade xa non vivimos nesa época”, polo que de non chegar a documentarse “todo ese patrimonio pérdese”.


Así, e co gallo da programación das Letras Galegas organizada polo concelleiro de Cultura, Liso González, Leiro ofrecerá unha charla esta tarde, a partir das 20 horas, na Casa da Calzada, onde exporá e porá en valor todo o traballo de recopilación realizado na súa labor de docente, que vai desde a literatura oral aos oficios tradicionais, entre outras cuestións. Unha investigación que naceu nos anos 80 co obxectivo de motivar ao alumnado nas clases de Galego: “Entrevistaban aos seus pais, avós, veciños... e recopilabamos toda esa información”. De aí xurdiron un gran número de refraneiros populares, cantigas, adiviñas e ditos propios cambadeses que se agochan nas páxinas da gran cantidade de libros escritos e publicados por Leiro.


Unha labor recopilatoria crucial para que “non se perdera toda a sabiduría que tiña a xente” e tamén para preservar a lingua: “O traballo feito vai máis alá da literatura oral, tamén se recollen oficios tradicionais, como as telleiras, as ferramentas que se utilizaban ou o vocabulario ligado a elo”. Nun ano no que as Letras Galegas están adicadas ás cantareiras, tampouco faltan nas páxinas de Leiro as cantigas típicas do pobo: “As cantigas orixinábanse nas troulas que se corrían nos muíños, nas reunións, nas festas da colleita... hai unha variedade riquísima de tradición oral” que pouco a pouco foise perdendo. “Hai unha falta de sensibilidade por manter o idioma”, señala Leiro, que considérao unha ferramenta clave da identidade.


Por elo, Leiro presentouse voluntaria para levar a cabo a conferencia na que non poderá estar Otero, que atravesa unha longa enfermidade, ao que a docente quere poñer en valor durante a xornada de hoxe. 

Preservar a cultura intanxible de Cambados para non esquecer as orixes

Te puede interesar