Este ano cómprense cincuenta anos da morte de Franco, unha efeméride que é imposíbel deixar pasar sen aproveitar, dados os hábitos das culturas occidentais de conmemorar feitos en aniversarios redondos. Pero, realmente que se celebra? Franco morreu na cama, de flebite, sen responder polo crime de lesa humanidade do que foi responsable. Democraticamente, non hai nada que gabar nesta morte. Porén, aquela data marca o comezo dun proceso de transformación no que o franquismo, lonxe de desaparecer, continuou exercendo a súa influencia nas estruturas do Estado.
Lembrar significa abrir fiestras para falar da historia, para revisala e ensinala, un acto crucial nun momento en que o esquecemento ameaza con desfigurar o pasado. Pero a historia non é un relato de grandes personaxes. A democracia non chegou grazas a un acto magnánimo do réxime, senón pola loita e o sacrificio de miles de homes e mulleres: traballadores en folga, estudantes fronte á represión, intelectuais furtando á censura ou colectivos cidadáns mobilizados. Non esquezamos que os últimos fusilamentos do réxime tiveron lugar apenas un mes antes da morte do ditador.
Neste contexto, resulta preocupante o enfoque das actividades promovidas polo Goberno estatal para lembrar esta efeméride. A escolla dun lema que glorifica a transición como mito fundacional da democracia revela unha intención de perpetuar un relato cómodo para as elites. Esta narrativa ignora as continuidades institucionais e a non depuración da estrutura do Estado. Ademais, o programa semella deseñado para agochar a complicidade da monarquía, nacida por vontade expresa do ditador. Non é casualidade que as asociacións memorialistas quedaran fóra dos actos inaugurais. As vítimas do franquismo seguen desaparecidas, e a súa dor segue sen ser reparada.
A web oficial creada para a conmemoración presenta unha visión edulcorada do pasado, onde o franquismo aparece como unha etapa anacrónica e illada, sen mención á violencia sistemática que definiu a ditadura. Non hai rastro de presos políticos nin dos corpos que seguen nas cunetas. Este relato omite os conflitos sociais e as traxedias que marcaron a transición, apostando por unha narrativa fotoxénica e desprovista de contido crítico.
Conmemorar os cincuenta anos da morte de Franco debería servir para sensibilizar á mocidade sobre o valor da democracia nun momento en que esta mostra signos de retroceso. Temos unha xeración que descoñece as carencias de liberdades de hai cinco décadas, e máis dos da ditadura.
As asociacións de base que manteñen viva a memoria das vítimas, subliñan a necesidade dun labor pedagóxico para transmitir a crueldade e a violencia do réxime. A historia non pode ser construída desde o esquecemento ou o silencio. A memoria das vítimas da ditadura é un deber moral inescusábel e un indicador da calidade democrática dun país. Soamente unha cidadanía consciente do seu pasado pode identificar e desactivar as derivas totalitarias que ameazan o presente.
A lousa da ditadura segue pesando sobre o incompleto sistema democrático español, recordando que sen memoria e xustiza, as feridas do pasado nunca cicatrizan por completo.