Aniversario do tren a Pontevedra

A memoria histórica do patrimonio ferroviario é un elemento clave para o coñecemento e o turismo de concellos como Vilagarcía, que se viron transformados polo desenvolvemento deste medio de transporte. Este valor cultural e social comprende non só as infraestruturas e os vehículos, senón tamén os testemuños das persoas que traballaron e viviron en torno ao ferrocarril. A memoria histórica do patrimonio ferroviario é, por tanto, un factor de pedagoxía e identidade colectiva que merece ser recoñecido, protexido, divulgado e celebrado. Agora, a ocasión vén que nin pintada.


Aquí está a memoria local, reflectida na placa de honra forxada en bronce, que se pode ver na estación de tren de Vilagarcía, lembrando que “as cidades de Vilagarcía e Pontevedra, os Amigos do Ferrocarril Arousa-Tren e o Museo Ferrocarrilero John Trulock á The West Galicia Railway Company Limited, primeiro camiño de ferro de Galicia, no centenario da prolongación da liña de Carril (Vilagarcía) a Pontevedra, o 24 de xullo de 1899”. Xa pasaron 125 anos do acontecemento.


O patrimonio de memoria ferroviaria en Vilagarcía destaca por ser a primeira liña férrea en funcionamento en Galiza, inaugurada o 15 de setembro de 1873, xunto coa primeira estación completada. Ademais, é relevante a súa prolongación ata Pontevedra anos máis tarde e a singular liña ao peirao do Ramal, que comezou a operar en 1903. É de xustiza social lembrar a importancia dos Talleres de Renfe e a súa “escola de aprendices” en Bamio, así como a contribución urbanística do grupo de casas dos ferroviarios e, na actualidade, o uso cedido do edificio do Museo, MUFEVI.


A pesar diso, a celebración do 150 aniversario foi bastante discreta, destacando máis o impulso do goberno local compostelán. Alí, aparte dos actos conmemorativos, publicouse o libro do xornalista Tomás Cavanna, prologado por Suso de Toro, que aborda con gran detalle a historia do primeiro ferrocarril galego e a súa relación coa nosa poeta nacional. O libro titúlase “O tren de Rosalía”.


Agora, este 125 aniversario é unha excelente ocasión para destacar a importancia económica e social da memoria do ferrocarril no ámbito local, mirando cara a un futuro con conexións máis eficientes no eixo atlántico, que nos acheguen tanto ás cidades galegas como aos territorios estatais. É fundamental harmonizar os usos portuarios cunha liña que non obstaculice a circulación de vehículos, así como abordar as modernizacións necesarias e o reto de crear unha área de aparcadoiro público, no ámbito da estación do tren, máis ampla para satisfacer a demanda da cidadanía. Ademais, cómpre coidar e ampliar a Vía Verde, que ocupa parte da antiga vía ferroviaria.


Porén, ante unha herdanza inmaterial de gran valor social, Vilagarcía debería contemplar a creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Ferroviario local e insistir na xestión que permita a posta en marcha dun tren de época vinculado a Rosalía e Carril. Apostar pola utilidade. É a vía axeitada. 

Aniversario do tren a Pontevedra

Te puede interesar