Birlos celtas

Cada 16 de novembro, a UNESCO promove o Día do Patrimonio Mundial, unha data que busca destacar a importancia de preservar tanto o patrimonio material como o inmaterial, este último recentemente resaltado, con data de celebración específica, o 17 de outubro. Aínda que a protección do patrimonio material, monumentos, lugares históricos, arte e outros bens físicos, é amplamente recoñecida, o patrimonio inmaterial precisa tamén dun coidado especial. Refírese a aquelas prácticas, tradicións e expresións culturais que as comunidades consideran parte da súa identidade, transmitidas de xeración en xeración e contribúen á diversidade e á creatividade cultural.


No ámbito galego, o patrimonio inmaterial é unha fonte viva de identidade que inclúe non só o coñecido, como a lingua, as manifestacións espirituais e festivas ou as lendas, senón tamén xogos 
tradicionais. Un exemplo destacado é o Xogo dos Birlos galegos, tamén coñecido como Birlos Celtas. Este xogo, que se practicou especialmente no ámbito rural, é un exemplo da herdanza   cultural transmitida a través dos séculos e profundamente vinculada á forma de vida das xentes do país. Así, a recente iniciativa da Xunta para declarar o Xogo dos Birlos como Ben de Interese Cultural, BIC, é unha boa nova, pois permite establecer mecanismos de protección para preservar esta práctica de lecer tan arraigada e garantir a súa transmisión ás xentes do futuro. 


Este xogo popular non é un mero entretemento, é parte da identidade cultural galega, reflectindo valores comunitarios e un modo de vida que une o pasado co presente. Con raíces que se remontan aos primeiros habitantes do territorio galego, consiste en lanzar unha bóla de madeira contra unha serie de birlos, coa intención de derrubalos. A práctica do xogo celebrouse de xeito cotiá en festas e ocasións especiais, especialmente nas aldeas, onde as partidas eran motivo de reunión e de unión social. Este enredo tamén acompañou ás xeracións galegas migrantes, que levaron esta tradición a terras alongadas, creando incluso asociacións para manter vivo o xogo fóra das fronteiras galegas.


Hoxe en día, con distintas variantes comarcais, o xogo dos Birlos Celtas continúa enriquecendo a cultura galega. Este patrimonio, tan único e propio, destaca tamén por ser unha actividade inclusiva, pois pode xogar calquera persoa independentemente da súa idade, xénero, orixe ou condición económica e de clase. Como fenómeno de interacción social, crea vínculos entre xeracións e recolle a diversidade de normas e prácticas que se transmiten oralmente, algo fundamental nun mundo no que a modernidade ameaza con facer desaparecer moitas destas formas culturais populares. 


Por iso, o patrimonio inmaterial como é o caso do Xogo dos Birlos cumpre unha función social fundamental: proporciona ás persoas un sentido de pertenza e identidade, permitindo que se  recoñezan nunha tradición compartida que evolucionou ao longo do tempo. E non só iso: neste xogo hai tamén unha dimensión ecolóxica, xa que se practica con materiais naturais e accesibles, promovendo o respecto polo medio ambiente. Reforza as raíces culturais que nos unen socialmente.

Birlos celtas

Te puede interesar