Di o dicionario RAG que o solsticio é “cada un dos dous instantes do ano en que o Sol deixa de apartarse do ecuador celeste e comeza de novo a aproximarse, e que coincide un co comezo do verán e outro co comezo do inverno”. Daquela, agora toca o solsticio de verán. Este fenómeno astronómico vai coa mesma antigüidade do planeta na súa ruta de translación arredor da estrela que nos ilumina. Acontecemento que vén sendo celebrado por gran parte da humanidade desde hai séculos. Porén, pouco leva desde que a ONU decretara a conmemoración do Día Internacional da Celebración do Solsticio, cada 21 de xuño, unha festividade que propuxo o goberno de Bolivia e que foi aceptada o 20 de xuño de 2019, exactamente un día antes da primeira celebración.
As razón que xustificaron este acordo baséanse na consideración de que a cultura é o conxunto de trazos distintivos espirituais e materiais, intelectuais e afectivos que caracterizan a unha sociedade ou a un grupo social e que abarca, ademais das artes e as letras, os modos de vida, as maneiras de vivir xuntos, os sistemas de valores, as tradicións e as crenzas. Ademais, esta adoita ser o centro dos debates contemporáneos sobre a identidade, a cohesión social e o desenvolvemento dunha economía fundada no saber.
Por iso é polo que, nunhas sociedades cada vez máis diversificadas, resulte indispensable garantir unha interacción harmoniosa e unha vontade das diferentes culturas por convivir xuntas. Neste sentido, dita convivencia constitúe o patrimonio común da humanidade e debe ser recoñecida e consolidada en beneficio das xeracións presentes e futuras. Consciente de que os solsticios e equinoccios simbolizan a fertilidade da terra, os sistemas de produción agrícola e alimentaria, o patrimonio cultural e as súas tradicións milenarias, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñeceu que a celebración deses eventos é unha encarnación da unidade do patrimonio cultural e as tradicións de séculos de antigüidade. Unha aposta por fortalecer os lazos entre os pobos sobre a base do respecto mutuo e os ideais de paz e boa veciñanza.
As festividades asociadas aos cambios cósmicos recorrentes, como a chegada das estacións, os días máis longos ou as noites máis longas, foron parte central na tradición de moitas culturas. En realidade, sempre foron momentos propicios para agradecer ao planeta, aos Deuses ou á mesma nai natureza, pola abundancia das colleitas, a fertilidade da terra e o poder sobrevivir un ano máis. A súa orixe en crenzas hoxe catalogadas como pagáns, de sólida raíz social, levaron á cristianización pola Igrexa católica, asociándoa a un santo principal, neste caso escollendo ao San Xoán pola proximidade da data do seu nacemento, o 24 de xuño, data demorada así cunha parte de ritual que vai alén do relixioso, na festa popular que asume os símbolos universais da celebración noutros lugares do planeta: As fogueiras e as herbas que son un ritual fondamente arraigado na cultura galega, onde o lume purificador e a auga de saúde xogan papeis simbólicos centrais.