A comunicación entre persoas de diferentes xeracións de idade pon en evidencia non só as diferenzas culturais, senón tamén as distintas relacións que establecen coas tecnoloxías. Para os máis novos, a eficiencia, a instantaneidade e a privacidade son fundamentais, mentres que para as xeracións anteriores, a comunicación segue a ter un compoñente máis reflexivo e directo. O reto está en saber convivir e entender estas diferentes formas de expresión no mesmo espazo dixital.
A evolución dos códigos de comunicación ao longo do tempo da humanidade reflicte os cambios sociais e tecnolóxicos que marcan cada período histórico. No caso das xeracións máis mozas, como é a nomeada como Z e boa parte da Y, a relación coas tecnoloxías dixitais é tan natural que define en grande medida o seu xeito de relacionarse e actuar co seu mundo propio e cos demais. Este contraste coa dos “boomers”, a X, e xa non digamos coa dos vellos “tradicionalistas”, adaptados á forza a un universo dixital emerxente, resulta evidente en varios aspectos da comunicación cotiá.
Os “boomers” e os membros da xeración X foron formados nun contexto onde a comunicación era máis directa e persoal. O teléfono, o correo postal e, posteriormente, o correo electrónico foron as ferramentas principais. Estas xeracións valoran as interaccións longas, detalladas e que requiren un tempo para reflexionar. Pola contra, a xeración Z desenvolveu un código de comunicación moito máis sintético e visual. A interacción a través de mensaxes curtas, imaxes e notas de voz son a norma, reflectindo unha sociedade onde o tempo parece escasear e a velocidade prima sobre a reflexión pausada. As chamadas telefónicas son vistas como un recurso extremo, reservado só para emerxencias. Unha conversa pode desenvolverse perfectamente a base de cariñas, sticks ou reaccións rápidas a través das redes sociais. O móbil é moitas cousas e menos un teléfono de falar.
Ademais, a linguaxe desta nova xeración é un reflexo dun mundo globalizado e inmerso nas tecnoloxías. O concepto de “intimidade de burbulla”, no cal só un grupo reducido ten acceso ao que se comparte, é unha resposta á crecente preocupación pola privacidade en internet. Ao mesmo tempo, esta forma de comunicación asegura unha conexión máis emocional e visual, onde as palabras son moitas veces substituídas pola expresión facial ou o contexto da imaxe significativa.
Para as xeracións de máis idade, o uso de plataformas dixitais moitas veces mantén características das conversacións máis formais. Outro aspecto relevante é o cambio na xestión da identidade en liña. As redes sociais convertéronse nun escaparate espontáneo no cal os perfís sociais poden dicir moito máis que un currículo tradicional ou unha presentación persoal. Neste sentido, as novas xeracións non só comparten contido, senón que controlan de maneira máis sofisticada quen pode acceder a el e durante canto tempo, permitindo así un control máis sutil sobre a súa imaxe pública.